CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Día da Muller

09/03/2020 - 07:37 h

As mulleres e moitos homes de todo o país –duns corenta concellos en Galicia—desafiaron o coronavirus e saíron á rúa para reclamar dereitos elementais. Dereito á igualdade (na nosa terra a media salarial é de máis de 4.500 euros ao ano), dereito a non morreren asasinadas (no que levamos do 2020 caeron vítimas da violencia de xénero 22, que son máis de dúas por semana) ou dereito a non seren agredidas sexualmente (onte dicía Victoria Rosell que a cifra oculta da violencia machista roza o 90 por cento). É dicir, que a protesta, ese clamor que se escoitou coma todos os anos o 8 de marzo, está xustificada.

Certamente, algunha manifestación resultou un pouco rara. A min sorpréndeme ver a ministra de Igualdade berrando na rúa, cando ela ten a obriga de resolver e non de reclamar. Sorprendeume, coma o ano pasado, que as mulleres convocadas por Ciudadanos en Madrid tiveron que saír da concentración porque levaban unha pancarta e non tiñan garantida a seguridade pola propia policía. Igual que o ano pasado. E sorprendeume menos que as participantes do Partido Popular non fosen botadas, pero ten unha explicación: eran pouco coñecidas e non levaban pancartas. Gustaríame saber o que pasaría se alí estivese Cayetana Álvarez de Toledo e levase unha pancarta como Ciudadanos. Pero o PP xa sufrira unha lea interna que acabou tamén en división de posturas.

Isto quere dicir que houbo politización, e politización da mala: politización de intentar patrimonializar a protesta da muller, e ese intento de patrimonialización é das esquerdas, leva dentro a guerra de partidos, cando as vítimas e as inxustizas son, como agora se di, transversais. Non se asasina nin se agride nin se cobra menos por ser máis ou menos de dereitas ou de esquerdas.

Despois, houbo unha mestura de reivindicacións secundarias, que causan división entre as propias feministas, como son as demandas das transexuais, as abolicionistas da prostitución, os ventres de alugueiro e unha serie de conceptos que eu aínda non entendo, pero que indican que dentro do feminismo novo empezan as tendencias.

Todo isto non indica que o Día da Muller non sexa algo moi serio. Algo que hai que atender, con leis, con ensino e con conciencia social. Como dixo Carmen Calvo, van 42 anos de reclamación. Conseguiuse moito. O panorama da muller ten pouco que ver coa realidade de fai eses 42 anos. Pero aínda queda camiño por percorrer. Dígolles “adiante”. E engado que o peor do día foi a noticia de que outra nena de 14 anos foi violada por tres tipos na illa canaria da Palma. Iso foi o máis triste da xornada. O que xustifica, benquerido Valiñas, que se siga saíndo á rúa.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia