CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Vox, propostas e publicidade

09/01/2019 - 08:05 h

Se isto fose un discurso, empezaría máis ou menos así: donas e cabaleiros que me estades escoitando, velaquí o maior exercicio de propaganda política gratis que se fixo nos últimos tempos. Porque cualifico así o documento de propostas que onte lle presentou Vox ao PP? Porque non hai Deus que crea que o partido de Abascal quere que a dereita non goberne en Andalucía e por iso lle propón cousas imposibles e radicais que ningún partido de goberno pode aceptar. O que fai é gañar presenza na opinión pública, ocupar espazos nos medios informativos e conseguir ser o centro dos faladoiros e dos debates. E está a conseguilo: non hai máis que ver as portadas dos xornais de hoxe para ver que a gran política de España é Vox, e o demais son asuntos secundarios. E ti mesmo, Valiñas, pregúntasme por Vox. Iso é o que queren: converterse no centro da política e andar por ese mundo como o partido do que depende todo. Matrícula de honra en estratexia de comunicación.

Polo demais, eu clasifico as dezanove propostas en catro capítulos: populismo, extravagancias, electoralismo e imposibles. Populista é a primeira parte, a que fala de gastos, eliminación desubvencións e trato ás ONG. Conteñen todo o que anda polas redes sociais e os whatsapps, e deben ter moito éxito, porque son moi reenviadas. Coidado, que aí hai opinión pública.

As extravagancias resúmense nunha: celebrar a festa de Andalucía o 2 de xaneiro, que é o día da reconquista de Granada. Está tan fóra de ton que, ao vela, pensei que era unha carallada e dubidei da autenticidade do documento.

O electoralismo está en explotar os baixos instintos dos andaluces cando se fala do seu traballo fóra da rexión ou da educación noutros idiomas cooficiais. E tamén na apelación ao voto relixioso en educación, familia, aborto ou mundo gay e transexual.

E o imposible é todo o demais: a devolución de competencias ao Estado, a anulación de leis como a de violencia de xénero ou iso de expulsar 52.000 inmigrantes. Ese discurso é parecido ao do ministro italiano do Interior, ao de Le Pen en Francia e ao da extrema dereita en toda Europa. Por tanto, inasumible para o Partido Popular e non digamos para Ciudadanos. Co cal, volvo ao principio: como Abascal quere botar os socialistas do Goberno e o único xeito é que goberne a dereita, non pode ser que impida ese goberno da dereita. O que quere, de momento, é moita presenza e moita publicidade. Pois xa a ten. Agora, que deixe gobernar.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia