CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Andalucía, un día máis

08/01/2019 - 08:04 h

Hoxe xúntanse unha representación do PP e outra de Vox e veremos que sae da xuntanza, que eu non o sei. Por non saber, non sei se Vox busca unha foto ou busca de verdade impoñer condicións. Tampouco sei se haberá ese xesto que Vox pide a Ciudadanos. E non sei se a solución será que Ciudadanos quede fóra do Goberno se hai concesións a Vox, como hoxe di algún xornal. E por non saber, tampouco sei se se cambiará algo do pacto entre o PP e Ciudadanos e, se se cambia, cales serán as consecuencias dese cambio, porque Ciudadanos di que non permitirá nin o cambio dunha coma.

Así que, posto a non saber nada, chego á primeira conclusión de que todo está no aire. Pero tamén estou obrigado a facer algunha adiviñanza. Adiviñanza primeira: haberá Goberno de dereitas en Andalucía. Se os protagonistas da xogada non tivesen esa seguridade, non estarían repartindo as consellerías como xa as están repartindo entre o Partido Popular e Ciudadanos.

Adiviñanza segunda: aínda que non se cambie unha coma do acordo rubricado, hai xeitos de compracer a Vox, como pode ser un compromiso secreto de irse aproximando ás súas posicións, como xa fixo Pablo Casado ao aceptar que haxa axudas para os homes que tamén sofren violencia de xénero e para pensar máis en violencia doméstica que de xénero. Todo consiste na capacidade de convicción da xente de Casado e nas ganas que Abascal ten de botar fóra do goberno o Partido Socialista.

E adiviñanza terceira: tal como están as cousas, cheas de liñas vermellas, o máis probable é que, se non hai acordos con Vox, porque Ciudadanos non os quere nin de lonxe, Vox vote non a Juanma Moreno na primeira volta da investidura e vote si na segunda. Deste xeito, conseguiría demostrar ao mundo que é imprescindible e que sen ese partido non se pode facer nada. Esa sería a mensaxe que deixaría, e é unha mensaxe de moita rendibilidade. O caso é demostrar que se ten peso e capacidade de decisión. O malo é que ese pode ser o ton de toda a lexislatura, co cal imos a un tempo de inestabilidade, polo menos ata as vindeiras eleccións. E mentres, Vox segue medrando. A enquisa que hoxe publica El Español xa lle dá unha intención de voto do 12 por cento: moito para quen acaba de aparecer.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia