CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Ciudadanos, tarde e mal

07/10/2019 - 07:40 h

Se me permites unha confidencia, contareina, porque axuda un pouco a entender o que pasou. Hai unha semana, un dos principais dirixentes de Ciudadanos díxome: "Os nosos votos usaranse para que Sánchez non siga gobernando". Así mo dixo, e así o publiquei nunha crónica este sábado en La Vanguardia de Barcelona. Fixen o ridículo, claro. En cambio, o dirixente do partido de Rivera só fixo o ridículo diante de min. Pero teño que desculpalo. O que esta anécdota revela é que cambiar o veto a Sánchez pola promesa de apoio foi unha decisión persoal de Albert Rivera que non a consultou con ninguén e, se a consultou, foi no minuto 93. Moi do seu estilo.

Agora caben dúas consideracións. A primeira, sobre como foi recibido. Hoxe é titular en case que todos os médios a frase de Pedro Sánchez: "O pánico electoral fai milagres". Coido que é unha boa explicación. Todas as enquisas veñen falando, e falan hoxe mesmo, da caída de Ciudadanos na intención de voto. Hai sondaxes que din que perde máis da metade dos votos ou da intención de voto. Non hai máis que mirar cando comezou esa caída para darse conta de que Sánchez ten razón. Rivera viuse obrigado a facer esse novo cambio cando empezou a ver como o castigaba o electorado. É certo que os seus votantes non querem a Sánchez, pero tampouco entenden que, tendo Rivera votos abondos para impedir o bloqueo, persistise na súa actitude de facerse cada día máis de dereitas coa ambición de gañarlle ó PP. E cando se lle fai esa OPA a un partido ou a uns electores, xa se sabe que prefiren o orixinal.

Cambiar, polo tanto, era obrigado. O que pasa é que Ciudadanos leva xa demasiados cambios. Tanto, que fixo que Pablo Iglesias lle chame "veleta". E o que pasa tamén, é o que teme Toni Roldán, o primeiro que desertou das filas de Rivera: que ó mellor chega tarde. Xa pode Rivera asegurar que todo iso o fai para garantir a estabilidade, que o que pensa a xente é que o fai por cortar a sangría de votos. E nunha contenda electoral pódese facer que non se vaian máis, pero non que os que se foron volvan. E ese é o risco da penúltima manobra.

Pola miña parte só engado: se isto se lle ocorrese a Rivera hai tres semanas, nada máis que tres semanas, hoxe teriamos goberno, Ciudadanos mantería tódolos deputados, e España non estaría bloqueada e no camiño dunhas incertas votacións. Pero non se debe chorar sobre o leite derramado. Ó feito, peito. Fai tres semanas, PSOE e Ciudadanos sumaban maioría absoluta. Hoxe xa non. É o que se chama desperdicio dun gran capital político.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí