CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Rolda na Zarzuela, o final

07/06/2019 - 08:05 h

O primeiro que quero dicir é que o rei onte gañou o salario. Iso de ter que escoitarlle á catalá Laura Borràs que non é rei de Cataluña e non poder replicarlle ten o seu mérito. Claro que a mesma Borràs lle fixo a Filipe VI un importante favor de imaxe ao contar o diálogo sobre Puigdemont, que dese xeito se coou na rolda.

"Vostede gustáballe máis como príncipe de Xirona que como rei de España", díxolle. E o rei contestou: "A min tamén me gustaba máis Puigdemont como alcalde de Xirona que como presidente de Cataluña". Axilidade mental.

A segunda anotación é que se acabaron as consultas, e non houbo sorpresa. Sánchez é o encargado de formar Goberno e, polo demais, todo segue igual ca antes. Sánchez non empezará a rolda ata a semana que vén; falará cos grandes e algo con todos menos con Bildu e con Vox, parece que en pé de igualdade, sempre dentro de Constitución. Ata agora non falou con ninguén e ata Pablo Iglesias confesa que leva dúas semanas sen falar con el. O outro Pablo, Casado, pode alegar que el leva moito máis tempo sen ter unha conversa.

Co cal, a cousa queda así: está claro que o PP vai votar non á investidura; que Ciudadanos tamén descarta calquera apoio, porque dixo "que goberne cos seus socios"; que non é probable que Sánchez sexa elixido na primeira votación, porque non vai tera maioría absoluta, pero pode saír na segunda, en que só se esixe a maioría simple, e todo depende dos pequenos grupos aos que se pode gañar sen concesións ideolóxicas, pero con concesións económicas, como se isto fose un mercado ou unha poxa, que engran parte o é.

E queda a dúbida de Podemos. Segue aspirando a entrar no Goberno, pero a Sánchez cústalle moito dicir que si, e agora dependerá de se a Iglesias lle convén forzar a repetición de eleccións ou se conforma con ser iso que agora se chama socio preferente e conformarse con algún cargo, incluso de ministro, pero sen falar de coalición. Sánchez non aclarou nada, porque de momento o que lle convén a el é dicir que vai falar con todos, e despois xa se acomodará o guión ás necesidades que vaian xurdindo.

Grande asunto o de Navarra, do que Sánchez se limitou adicir que non se pactará con Bildu, pero, se deixa que goberne a dereita, perderá o apoio do PNV en Madrid. Todo é un encaixe de palillos, e todo depende das conversas do presidente a semana que vén. O único certo é que o encargo de facer Goberno teno Sánchez, como é natural, e Sánchez di que non hai alternativa. Ou goberna o PSOE ou goberna o PSOE. Pero si que hai outra alternativa: se todo se pon moi mal, queda a saída de repetir eleccións. Pero iso, querido Valiñas, non o quero nin pensar.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia