CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Sánchez e Torra, a xuntanza

07/02/2020 - 07:39 h

A min os que máis me gustaron foron o escenario e os xestos. Deus, que galanura! Deus, que grandeza! Alfombra vermella, coma nos Goya. Gardas tan ben vestidos que parecían a Garda Real do palacio de Buckingham. Unha bandeira española na Generalitat, ese si que é un milagre. Honras de xefe de Estado. De xefe de Estado estranxeiro, faltaría máis. E despois a cabezada de Iván Redondo, que, se non fose amigo meu, diríalle que confundiu a Torra co Santo dos Croques.

Logo falaron hora e cuarto, que non é moito para resolver un conflito de séculos, pero é unha barbaridade de tempo, cando hai pouco o da Moncloa non collía o teléfono do catalán. E, por último, falou Sánchez. O discurso do reencontro. A axenda do reencontro. Non vos parece grandioso? Seis de febreiro do 2020: Día Internacional do Reencontro. A data chamada a suceder na memoria histórica o 11 de setembro do 1714. E o discurso de Sánchez. Mesmo parecía que onte empezaba outra vez a historia de España e non digamos de Cataluña. Pero, fronte a tantos anos de desapego, perdón, de desencontro, agora, grazas a Sánchez, empezaba outra vez a reconciliación, as apertas, os agarimos e todas as verbas fraternais que caben no dicionario. No castelán, porque o catalán reservouno Sánchez para a mensaxe de Twitter, que o presidente de agora non fala catalán na intimidade, senón nas redes sociais.

E imos ao fondo. O mellor resumo é o que fixo o propio Torra cando lamentou ante a prensa: “Limitouse a ofrecer autogoberno dentro da Constitución”. Mirade que Torra mirou e remirou a ver se a autodeterminación estaba entre os 44 puntos que Sánchez levou. E nada, Valiñas. Non estaba. E aí é onde empeza a crónica do futuro. A cousa empezou ben. Sánchez e Torra volverán a verse na mesa de negociación este mes de febreiro, por primeira vez na súa vida Torra tivo verbas de respecto a un español... É dicir, que a cousa puido ir moito peor, se pensamos nas perspectivas que tiñamos onte a estas horas. Pero saíu unha xuntanza aseadiña.

O malo é iso: que Sánchez fala nas súas propostas de negociación de cousas que non están na teoloxía dos independentistas. Cousas como infraestruturas, financiamento, atención nos desastres naturais. Que vulgaridade ocuparse deses asuntos diante de Torra! Non puxo nada da represión, nin da amnistía nin da autodeterminación, e Torra, que é moi listo, deuse conta, pero tampouco se amosou moi contundente para non botarlle auga ao viño. E mentres, como se nada pasase, o Parlamento catalán aprobou, como non, unha moción pola autodeterminación. Non sei como acabará isto, Valiñas, pero penso que nos imos divertir. Ou sufrir. Xa se verá.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia