CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

O imposto das hipotecas

06/11/2018 - 08:02 h

Pois non che podo dicir moito, benquerido Valiñas. A cousa debe estar moi complicada, e non me atrevo a prognosticar sequera cando pode haber unha decisión. Se onte, despois de oito horas de sesión, só puideron falar nove maxistrados, e queren falar os vinte que faltan dos que asistiron, só en intervencións iniciais pódense tardar polo menos dous días máis. O único que quedou claro é que os tres recursos presentados son admitidos a trámite. A partir de aí, todas son dúbidas. O Pleno da sala do contencioso está dividido e pódese agardar todo. Aínda non é para dicir que, se sae con barba, Santo Antón, e, se non, a Purísima Concepción, pero, se non fora algo tan serio como o Tribunal Supremo, poderíase dicir.

Aquí o que está en xogo, polo que sabemos, é o que estivo en xogo sempre: a famosa retroactividade. Se se acepta, como parece, que os bancos teñen que pagar, trátase de decidir dende cando. Se se pensa que os asuntos fiscais prescriben aos catro anos, esa podería ser a data do límite de reclamación dos hipotecados que pagaron o imposto, pero non sei moi ben por que habería que utilizar a prescrición.

Respecto a que non haxa retroactividade, só pode haber un argumento: as contas da banca. É dicir, o golpe económico que recibirían as entidades, en cantidades non doadas de calcular, pero con repercusión nas contas das entidades financeiras, que podería afectar á saúde do sistema. Ten a Xustiza que ter presente esa repercusión? Se o fai, non faltará quen diga que o Supremo sae a favor do capitalismo e que a banca sempre gaña. Se non o fai, os xuíces serán acusados de non ter presentes as circunstancias e as graves repercusións das súas decisións. Esa é unha das dificultades que encontra o pleno da Sala Terceira. As outras son puramente legais e, polo tanto, complexas para un lego coma min. O prudente, polo tanto, é seguir agardando. E, como diría un político do Goberno, confiar na Xustiza, aínda que se meta encharcos como calquera de nós.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia