CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Rolda na Zarzuela

06/06/2019 - 08:08 h

A rolda de conversas do rei non é máis ca unha liturxia. Está prevista na Constitución e prodúcese con toda normalidade despois das eleccións xerais, de máis pequeno a máis grande. Unha normalidade rota pola ausencia dos de sempre, Esquerra Republicana de Catalunya e Bildu. Os de Junts per Catalunya van; intentaron coar un preso, pero non puido ser, e a representante que mandan non quere falar de cal é o seu candidato, senón dos presos que teñen no cárcere. Cada tolo coseu tema. E formalmente, é unha xornada de sorrisos. Ata o líder de Esquerda Unida, Alberto Garzón, que pasa toda a vida reclamando a república e prometeu a Constitución no nome da república, saudou ao monarca e entrou no seu despacho cunha cara de satisfacción que parecía monárquico de toda a vida.

O interesante informativamente está no que din á saída do despacho real. O primeiro que quedou claro é que non hai outro candidato que Pedro Sánchez. Sairá ou non sairá, pero non hai outro. E o que onte quedou de manifesto é que apoio non lle faltará, pero todos teñen un prezo. O cántabro, que fagan un AVE a Cantabria, como sabemos todos os que escoitamos a Revilla, e hai que vivir fóra do país para non escoitalo, porque a todas as horas de todos os días de todas as semanas está nalgún programa de televisión. O de Compromís e algún máis reclaman mellor financiamento, e quixo o destino que esa reclamación se faga o día que Bruxelas comunica que nos vai pedir axustes de 15.000 millóns nos presupostos en dous anos; a ver como se fai iso. E o máis interesante, a oferta de Unión del Pueblo Navarro, que, aínda que é de dereitas, promete apoiar a Sánchez, con tal de que o PSOE a deixe gobernar a ela en Navarra. Digo que é o máis interesante, porque un Goberno socialista coa abstención de Bildusería un pésimo negocio para a integridade territorial, porque a conquista de Navarra é imprescindible para as reivindicacións independentistas vascas.

Aquilo parecía, por tanto, unha poxa do voto. Se se paga oprezo de saída da mercancía, hai Presidente, aínda que sexa en segunda votación. Se non, haberá que agardar. E o máis curioso: Pedro Sánchez, que se saiba, non falou nin fala con ninguén. Algúns din que está facendo un Rajoy, que non sería mala técnica. O que eu digo é que é boa táctica: deixa que se mollen todos, que digan o que queren e, cando xa todos falasen, aparecerá el como mesías e permitirase o luxo de escoller a quen lle debe ou non lledebe pagar.

E iso é todo polo momento, Valiñas. O que eu digo é que, mentres haxa sorrisos no Palacio da Zarzuela, non todo está perdido, aínda que nada está gañado.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia