CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Rafael Bengoa: "O coronavirus xa se está contendo na China; é probable que en breve se free aquí tamén"

06/03/2020 - 08:20 h

O codirector do Instituto de Saúde e Estratexia, Rafael Bengoa, analizou esta mañá nunha entrevista no 'Galicia por diante' a situación xerada polo coronavirus. Amosouse optimista en canto á evolución do Covid-19 en España porque "dende esta semana sabemos, por un informe da Organización Mundial da Saúde, que o coronavirus se está logrando conter na China". "Se se freou alí", explica, "é probable que esas medidas funcionen aquí, máis aínda se temos en conta que España conta cun mellor sistema sanitario no que imos identificar máis rápido os posibles casos e illalos".

Rafael Bengoa alertou do pánico non xustificado arredor do coronavirus. Atribúeo ao auxe das redes sociais: "Na crise sanitaria polo virus SARS, en 2002, non se xerou ese pánico porque as redes sociais non estaban tan desenvolvidas". Bengoa insistiu en que o importante para previr os contaxios é atender ás recomendacións das autoridades sanitarias. De cara ao futuro, para evitar crises vírícas coma esta, afirma que o fundamental é seguir investindo en investigación nos países en vías de desenvolvemento, que son onde adoitan ter a súa orixe estas epidemias: "A ver se agora aprendemos a lección, a investir entre epidemias nos países en desenvolvemento".

O que fora asesor da Administración Obama é tamén un dos coordinadores do comité de expertos que estuda a reforma da Atención Primaria. Rafael Bengoa cre que o noso sistema sanitario ten que adaptarse á crise demográfica, que supón -afirma- un cambio no modelo de atención: "Agora chegan á Primaria persoas maiores con máis enfermidades crónicas, respiratorias, cardíacas ou demencias para as que non hai tratamento, e hai que montar un sistema de saúde acorde con esa realidade".

Rafael Bengoa aposta por que a Atención Primaria estea adaptada a esa realidade, "conseguir que, en lugar de que un médico estea vendo 40 doentes ao día, haxa un cribado para que médicos vexan só a aqueles que o precisan e os outros pacientes sexan atendidos por persoal de enfermería".

O docente da escola de saúde pública da Universidade de Harvard considera que a mellora do sistema sanitario non é só un problema de recursos económicos: "Se un pon máis diñeiro no mesmo modelo, só adía a crise. Destinar máis recursos non abonda; hai que transformar o modelo". E poñía un exemplo: "Os servizos sociais e sanitarios teñen que traballar xuntos sobre o terreo, terían que ir xuntos aos domicilios a ver os doentes e facer unha avaliación conxunta, pero a Administración segue separándoos e esa fragmentación non axuda. Iso non depende de poñer máis recursos, depende de cambiar o modelo".

 

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia