CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

O acto de Alsasua

05/11/2018 - 08:04 h

"O acto patriótico de Alsasua ía ser un acto de boa intención: unha homenaxe á Garda Civil dous anos despois da agresión que sufriron dous axentes e as súas parellas. Pero desembocou por parte da dereita española noutra cousa: nunha provocación. Primeiro sumouse Vox, que non quere perder nada que lle dea presenza pública e resonancia. E despois tívose que sumar o PP, que tampouco quería quedar fóra. E así, xuntáronse as tres dereitas, como din os portavoces do PSOE, e pareceu unha invasión españolista. Velaquí como un feito de boa intención pode dexenerar xusto no contrario.

Por parte dos abertzales pasou ao revés: como o nome de España ou do constitucionalismo se invoca dende fóra de Navarra ou do País Vasco, parécelles, efectivamente, unha invasión, e decidiron pasar á ofensiva, como se se tratara dun acto de defensa propia. E así estalou todo. Botaron esterco no lugar da concentración. Fixeron soar as campás para que non se escoitaran os discursos. Tiraron pedras. Quixeron converter o acto nunha confrontación que, se non chegou a máis, foi porque case había máis policía e garda civil que manifestantes dun lado e do outro.

Hoxe a cuestión é se se tratou dunha grave irresponsabilidade, como di o portavoz do PSOE no Senado, ou se foi un acto de liberdade de expresión e de manifestación. Penso que un pouco de todo. Se se vai a un sitio onde se supón que vai haber resposta dura, é pouco responsable. Pero, se a concentración se fai nun lugar de España, ten razón Albert Rivera: non pode haber nada que lles impida manifestarse.

O peor é o que se demostrou, en Alsasua igual que en Cataluña: hai un grupo de xente que non permite que se defenda a Constitución no seu territorio. E digo eu, porque non aceptan a presenza doutros. Iso é fascismo puro. E está xurdindo unha España do rancor e da imposición de medo, unha España da exclusión, que non acepta a discrepancia e está disposta á violencia. E iso tamén é fascismo, querido Valiñas".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia