CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Pacto vasco e Galicia

05/04/2019 - 08:06 h

Eu entendo perfectamente a necesidade que tiña o Goberno de sacar adiante os decretazos. Fracasar esa operación sería botar abaixo a súa principal arma electoral, porque os decretos non están feitos, como se di, por urxencia social, senón por urxencia de votos. Pero entendo moito mellor o cabreo do presidente da Xunta de Galicia polo que supón de aldraxe ás reclamacións galegas, que unhas son batallas que tardan moito tempo engañarse, se se gañan, e outras supoñen un agravio comparativo e,polo tanto, unha inxustiza, mírense por onde se miren.

Custou unha eternidade que se lle recoñecese á Xunta odereito a poder investir o superávit acumulado pola boa xestión de recursos, e xa veremos se non hai volta atrás. Mentres tanto, é noticia que o Goberno catalán, que non se distingue precisamente pola súa lealdade nin pola correcta xestión dos recursos, nin pola eficacia en atender os servizos públicos, e ten unha débeda de case 60.000 millóns co Estado, vai pagar as nóminas con outro crédito do que se fai cargo o Estado. Como di Núñez Feijóo, isto,xuntado a outros tratos, é castigar as autonomías que funcionan ben e premiar as que son desleais, ineficaces e, o peor, practican a malversación.

E agora coñecemos o contido do acordo que fixo posible o voto do Partido Nacionalista Vasco aos decretazos. Como aquí se contou, cédeselle a Euskadi a lexislación de produtos farmacéuticos, o seguro escolar, a ordenación das xubilacións de traballadores afectados por expedientes de regulación de emprego e a titularidade da autoestrada AP-68, que vai de Bilbao a Zaragoza. Antes xa se cedera o mesmo na AP-1. Canto tempo leva Galicia pedindo o mesmo para a AP-9? Pois a resposta sempre foi a mesma: non. E é que Galicia non trafica cos seus escanos no Congreso para validar decretos. E así ocorre con case todo. O slogan Fai que pase pódese aplicar deste xeito: fai que pasen as autoestradas á titularidade do País Vasco.

A barbaridade é evidente respecto á igualdade que tanto predica este Goberno. A autoestrada transferida é do Estado mentres pasa por Aragón, pero é autonómica cando pasa polo País Vasco. A cesión consagra o peor dos principios políticos que había que erradicar: a mercantilización da política. Ti tes competencias na medida en que poidas meterlle presión ao Goberno central. É dicir, que segue ocorrendo o mesmo de sempre: con transferencias arrancadas por presión ou por oportunismo. E asívanse creando desigualdades que benefician uns que cada vez teñen menos que ver co Estado e prexudican outras que seguen sendo leais ao Estado. Señor Sánchez, é unha grave irresponsabilidade. Logo din que hai que reformar a Constitución. O que hai que facer é prohibir este tráfico de influencias e presións.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia