CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Lei de liberdade sexual

05/03/2020 - 07:39 h

Teño unha boa e unha mala novidade para os nosos oíntes. A boa é que, se coñecen a lei que chaman de liberdade sexual ou algo así, están entre as persoas máis informadas deste país. Dígollelo, porque nos contaron que o Consello de Ministros do martes pasado aprobou o seu anteproxecto, pero ninguén de fóra tivo a sorte de velo.

A mala é que, se ten algunha crítica que facerlle, sexa home ou sexa muller, é un machista frustrado, que así lle chamou a autoridade competente, que é o señor Pablo Iglesias. Un machista que dá noxo. Pero se, ademais, lle parece ben que o ministro de Xustiza meta a man no anteproxecto, é dos que pensan que, cando unha muller como Irene Montero fai unha lei, ten que vir un machote dicirlle como se fai. Isto díxoo outra autoridade menos competente, pero de moita resonancia, que se chama Pablo Echenique.

E se ningún oínte está en ningún destes dous grupos, saiba que o Goberno que acaba de pregoar a unidade interna, o discurso único e compartido e non sei cantas glorias máis, ten dende agora ese discurso desvalorizado. A un lado están os machistas ou van levar fama de machistas. Ao outro, os que van de feministas pola vida, pero están dividindo o feminismo. E teñen dúas xefaturas que dormen no mesmo colchón: Pablo e Irene, Irene a Pablo, que fan sociedade matrimonial, parella de Consello de Ministros e deben levar unha vida moi aburrida de tanto falar do mesmo cada día, cada noite e cada día de relax. Mirade que son boa xente, progresistas e todo iso, e vanse estrelar co resto do equipo por unha cousa que se chama liberdade sexual.

Falando un pouco máis en serio: persoalmente teño dúbidas de que unha lei que fala de agresións, de violencia de xénero e de medidas que teñen moito que ver co Código Penal teña que ser feita no Ministerio de Igualdade. Parece máis ben cousa do Ministerio de Xustiza ou directamente dunha vicepresidencia. O Ministerio de Igualdade debería estar para lexislar, como o seu nome indica, cousas de igualdade de todo tipo, sexan ou non sexan referentes á muller, sexan ou non sexan de carácter sexual. Anda que non hai cousas que facer nesa materia! Exactamente as que agardamos que faga un Goberno do PSOE e de Podemos.

Se, a pesar de todo, esa lei lle compete a Irene Montero, o menos que pode facer é aceptar o criterio dos tres ministros que son xuíces de profesión. Algo deben saber de leis e de códigos. Se non se lles acepta ese criterio, alguén, benquerido Valiñas, alguén se está aproximando ao fundamentalismo feminista.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia