CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

As Cortes, o circo

04/12/2019 - 07:40 h

Eu quero destacar basicamente dous aspectos na sesión de constitución das Cortes. O primeiro e máis serio é a formación da Mesa de Congreso. 6-3. Goleada da esquerda. O Partido Socialista e Podemos conseguen a maioría, que lles permite ser decisivos en todo o que corresponde á Mesa. Por exemplo, decidir que asuntos se tramitan e cales se vetan. Por que houbo esta goleada? Basicamente, pola división dos partidos da dereita. E, afondando un pouco máis, polo papel de Vox. Negouse a entrar no pacto que lle ofrecía o Partido Popular, porque pretendía deixar fóra a Ciudadanos. Cando se trataba de escoller un secretario, votouse a si mesmo, mentres que os independentistas sumaron os seus escanos aos da esquerda estatal, que xa funciona como coalición de feito. Derrotado Ciudadanos, queda en nada. É a súa segunda derrota dende as eleccións do día 10.

No bloque conservador nótase a división. Vox quere ser igual ca o PP e quere que Ciudadanos non exista, quizais polos feos que lle fixo cando se negociaban as autonomías. O que me pregunto agora é que vai pasar cos pactos autonómicos, que quedan seriamente en perigo pola división dos seus asinantes. Coido que é o máis transcendente da xornada: a esquerda domina o Congreso, a dereita queda como espectadora cabreada.

O segundo aspecto é a fórmula de xuramento ou promesa de acatar a Constitución. Aí é onde estivo a parte más folclórica, que fai falar hoxe moitos medios de espectáculo de circo. Prometeuse por todo: polas Trece Rosas, pola independencia de Navarra, polos presos políticos, polo planeta terra, pola España baleirada. Como din algúns, faltou prometer por Snoopy ou polo carné do Atlético de Madrid. “Por mi madre”, escribe outro cronista. A fronteira entre a seriedade e a rexouba non é doada de marcar. Pódese dicir que a cerimonia de xura perdeu todo o seu valor. Só se lle pode engadir un espectáculo máis: cando os de Vox xuraban por España, houbo risas no hemiciclo. Xurar por España non se leva. “É un toque marcial”, di hoxe algunha crónica. A Constitución tómase a risa tres días antes —hoxe xa dous— da súa celebración.

Maritxell Batet di que son fórmulas aceptadas pola Xunta Electoral e polo Tribunal Constitucional. Pode ser. Pero o que importa é a realidade que presenta: neste Parlamento hai un forte movemento de falta de respecto á Constitución. E cando iso pasa, Valiñas, estamos nunha crise constitucional. Iso é o que onte se viu.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia