CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Foro da Toxa

04/10/2019 - 07:40 h

Se o rei Xoán Carlos anda por Sanxenxo e o rei Filipe anda pola Toxa, haberá que empezar a falar de “Reais Rías Baixas”. Penso que nunca houbo tanta concentración de realeza pola nosa terra. Eu case teño que pedir desculpas por non estar no foro da Toxa, porque a illa é a miña segunda casa de agosto... ata donde o permite o orzamento dun xornalista. Pero levo máis de trinta anos indo cada verán e agora estaba invitado a participar no foro, aínda que só fose como espectador, e non puiden ir. Problemas que temos os escravos...

Feito ese desafogo, quero resaltar que o escoitado onte é o mellor que se pode dicir na España de hoxe. Falou Filipe VI na inauguración e penso que recolleu o sentir da maioría dos cidadáns: facer unha España inclusiva e cohesionada, que é xusto o que falta cando se mira, por exemplo, a Cataluña. E falou Feijóo, que puxo Galicia como exemplo de estabilidade e seguiu a palabras do Rei, pero cun ton que o Rei non pode utilizar fronte aos independentismos e propoñendo ou urxindo un consenso amplo, consenso de Estado, fronte ao desafío separatista. Como se ve, a cuestión de Cataluña xa non é unha cuestión de orde pública, nin unha confrontación entre políticos cataláns e representantes da unidades nacional, senón algo que entra nos foros de grande debate internacional. Que isto preceda a días que se prevén moi complexos cando se publique a sentenza do Supremo dá idea do que preocupa o problema catalán.

Para hoxe, o prato forte vai ser, como se vén dicindo neste especial, o debate entre Felipe González e Mariano Rajoy. Vai ser unha conversa para retransmitir en directo e que deberiamos ver e escoitar todos, porque os dous persoeiros representan moito na historia de España. Un, o creador do novo socialismo español e gobernante ao longo de trece anos. Coñece o país mellor ca ninguén e, polas declaracións que fixo nos últimos tempos, conserva toda a lucidez de ánalise. O outro, galego coma nós, é unha biografía enteira dedicada á política e foi o home das medidas duras, pero imprescindibles, para superar a última crise económica. Desgraciadamente, os indicadores apuntan a que pode volver facer falta unha política así polo que poida pasar, que non anuncia nada bo.

Aplaudo a iniciativa do foro e aplaudo a idea de facer este Galicia por diante dende aí. Hai quen di que estas xornadas poden ser como a Foro de Davos. Eu, polo de agora, non pido tanto. Confórmome con que un lugar de Galicia sexa estes días unha especie de faro do que saia luz para entender o que pasa no mundo e, a ser posible, para apuntar algunha solución. Por presenza de sabios, benquerido Valiñas, non vai quedar.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí