CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Ciudadanos e os pactos

04/06/2019 - 08:06 h

O meu criterio é que Ciudadanos non decidiu nada novo. Quero dicir, nada que non soubésemos polas declaracións dalgúns dos seus voceiros, que ten uns cantos. Se se trata de pactar con algúns do PSOE, é o mesmo que dixera Villegas: se atopan algún dirixente socialista que abxure do sanchismo e da súa política territorial. Se se trata do papel que lle queren atribuír a Vox, tamén é o anunciado polo candidato de Madrid, Ignacio Aguado: que non hai problema para facer unha foto, pero non se negociará. E se se trata de aclarar as relacións con outros partidos, tampouco hai sorpresa: non se negociará a formación de gobernos en que vaian entrar Podemos, Vox e nacionalistas nin Ciudadanos vai estar neses gobernos.

A interpretación que se pode facer é, dende logo, que Rivera aclara as posicións a data de hoxe, que xa sabemos que non ten por que ser o que pensa mañá, pero poñamos boa vontade: esta é a posición do partido de Rivera, que tanto vai decidir nos vindeiros once días.

Para min, a conclusión máis importante ou de máis alcance é que Ciudadanos con ese acordo interno aborta toda posibilidade de pactar o Goberno central con Pedro Sánchez, nin como coalición nin como apoio externo. Se a condición para pactar co PSOE é que se renuncie á política sanchista, o máis sanchista é Sánchez, co cal non hai nada que falar, porque ninguén pode agardar que Sánchez abxure de si mesmo e das súas conviccións. Así que deixa o presidente nas mans de Podemos e quizais dos nacionalistas, curiosa contradición se se trata precisamente de que esas forzas non gobernen.

En canto a Vox, a bóla queda agora no tellado de Abascal. Aposición de Rivera é, para entendérmonos, volver ao modelo andaluz: que negocien o PP e Vox, mentres Ciudadanos e o PP discuten pola súa banda, e despois Ciudadanos chegará coa mesa posta e explicaralle a Vox o que Vox xa sabe. É dicir, facer a foto, que é, no fondo, o que pretende Abascal para non parecer o pobre do acordo. Se Abascal acepta por aquilo do sacrificio por España e outros conceptos patrióticos, asunto resolto. Se Abascal pretende estar no Goberno de Madrid, por exemplo, será Ciudadanos o que teña que romper, porque quedou claro que non negociará para a formación de gobernos nos que vaian estar Podemos e Vox.

E Vox non anda con trangalladas. Quere que se note a forza que ten e o moito que se depende deles. De aí que en Andalucía presente unha emenda total aos orzamentos rexionais. O PP dique van de farol. É posible. Pero de farol ou non, Vox quere facerse notar. Así está de complexo todo. Haberá acordo, Valiñas, non sei como, pero haberá acordo. Pero despois de aburrirnos a todos.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia