CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Decretos, a tacada

04/04/2019 - 08:05 h

Ante un feito coma este, penso que temos que facer tres consideracións: a do procedemento, a económica e a política. Sobre o procedemento, non teño moito que engadir ao dito nas últimas semanas: estamos ante un abuso do decreto lei. Pedro Sánchez pasará á pequena historia por ser o presidente que en menos tempo gobernou máis con ese instrumento. O feito de acudir a el no tempo en que acudiu, que é tempo electoral, indica que busca efectos electorais. É dicir, que fai campaña dende o Consello de Ministros, o cal é un abuso de preeminencia sobre o resto dos partidos que compiten. Ningún dos decretos parece ter a urxencia que se alega para xustificalos. E o recurso de dicir que se gobernará ata o último día queda ben, pero pode ter a réplica de que, se todo era tan urxente, non sei por que adiantou as eleccións con tanto traballo pendente.

Sobre a parte económica, é evidente que, ao tratarse de medidas sociais ou de intención social, supón un aumento de gasto que non está debidamente cuantificado. O menos que se pode pedir sempre é o que se chama memoria económica. Todo é precipitado; hai motivos para pensar que as contas feitas poden ter un desvío notable, e non se pode gobernar sen saber o que se gasta. Do contrario, non sería disparatar que se vai ás toas no financiamento ou que se trata de comprar votos sen saber a canto sae cada voto. Pero os que convalidaron os decretos criticaron o procedemento, pero non as contas. Como todos son de esquerdas, conformáronse con dicir que as medidas son boas para a xente. E iso foi todo.

E a consideración política é que, a pesar de todo, Sánchez conseguiu un novo éxito. O experto en resistencia sacou adiante as súas medidas, todas, coa mesma maioría que o levou ao poder na moción de censura de hai dez meses. E todos os apoios poden dicir o mesmo que dixo Baldoví de Compromís: “Sen nosoutros, os venres sociais serán venres negros”. Todos se queixaron de algo, pero votaron, que era o que lle importaba a Sánchez. O punto negro é o voto de Bildu, que foi decisivo nalgún decreto e fíxolle dicir a Pablo Casado iso de que “España non merece un Goberno que depende dun partido que non condenou os asasinatos da ETA”. O peor non sería iso, señor Casado. O peor sería que houbese negociacións con Bildu e que Sánchez cedese a cambio dese voto, pero non se pode asegurar.

En fin, Valiñas. Sánchez xogou forte cos seus venres electorais, e saíulle ben. Non nos gusta o procedemento nin os custos, pero a ver quen é o guapo que se opón a medidas de mellora social. Lección de futuro? Se Sánchez gaña as eleccións, non vai ter problema para formar maioría. Penso que esa é a gran lección.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia