CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Policías, equiparación

04/03/2020 - 07:38 h

Vou empezar, se me permites, por unha confesión persoal: teño tanta simpatía polas reivindicacións de policías e gardas civís que hai uns anos fun invitado a ler o manifesto despois dunha manifestación de Jusapol en Lugo. Non puiden ir, pero iso é o de menos. O que quero dicir é que sempre estiven con eles e coa petición de equiparación salarial coas policías autonómicas do País Vasco e de Cataluña.

As razóns empezaron sendo de afecto a eses corpos de seguridade polo moito que fixeron e fan pola convivencia neste país. E despois foron e seguen sendo porque me parecen de pura xustiza. Penso que xa temos abondas diferenzas entre as comunidades autónomas para que as agrandemos máis e creemos novos motivos de agravios comparativos que xa duran trinta anos, os mesmos que ten a creación dos corpos autonómicos. Se hai dúas velocidades no desenvolvemento rexional, na dotación de servizos e incluso na poboación, non fabriquemos outra España de dúas velocidades nas forzas e corpos de seguridade.

O que onte pedían diante do Congreso dos Deputados e na praza de Neptuno de Madrid é algo elemental, no que se basea, por exemplo, a reivindicación de igualdade entre o home e a muller: a igual traballo, igual salario; a igual vida laboral, igualdade nas cantidades de xubilación. Un mosso d´esquadra de Cataluña ou un ertzaina gañan sobre uns cincocentos ou seiscentos euros máis ao mes que un policía nacional o un garda civil. Se levamos a diferenza a pensión de cada un, a distancia é aínda maior. Non se trata de rebaixar o salario dun ertzaina ou dun mosso. Trátase de igualar por riba, e non só nos complementos, senón no salario que cotiza á Seguridade Social.

Cal é o problema? Non pode ser outro que o económico. Multiplíquense os cincocentos ou seiscentos euros só para os oitenta mil membros da Garda Civil e saen cerca de 50 millóns de euros cada mes. Pois que lle imos facer. É un gasto máis, que penso que non é difícil de asumir con todo o que di Facenda que vai recadar coa cantidade de impostos que nos van poñer. Non quero ser irreverente, pero, se a Igrexa cobra uns 200 millóns da cruz na declaración da renda, a suba a gardas e policías paréceme asumible. Que supriman algún dos ministerios novos que crearon e seguro que de aí sae diñeiro abondo.

Pero non quero facer populismo, Valiñas. Quero dicir unicamente que as diferenzas entre colectivos profesionais nunca son xustas. Que crean agravios. E que as policías españolas non merecen ser tratadas con tanta frialdade.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia