CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Inés Arrimadas: "Sorpréndeme a postura do Partido Popular. Isto non é un tema de partidos, é un tema de España"

04/02/2020 - 09:00 h

A portavoz de Ciudadanos no Congreso reitera a súa oferta de alianza ao PP de Galicia de cara ás próximas eleccións autonómicas. Nunha entrevista na Radio Galega, Inés Arrimadas explicou que a súa é unha proposta "ampla" que busca "sumar cos constitucionalistas en territorios con ameaza real de auxe dos nacionalismos".

Arrimadas convida, ademais, os socialdemócratas a participaren nesta alianza, xa que, ao seu xuízo, "o espazo de centroesquerda está moi orfo con Sánchez". 

Arrimadas non entende a negativa do Partido Popular de Galicia a concorreren xuntos ás eleccións autonómicas: "Sorpréndeme esta postura do Partido Popular. Como en Cataluña están mal, si, pero, como en Galicia están fortes, non. Isto non é un tema de partidos, é un tema de España".

A portavoz de Ciudadanos no Congreso alertaba o Partido Popular da posibilidade de perder a maioría absoluta en Galicia: "Galicia xa tivo gobernos nacionalistas e o PP podería perder a maioría absoluta en Galicia. E se por un escano gobernan os nacionalistas en Galicia? Como llo explicaría o PP á súa xente?".

Arrimadas rexeita as críticas que a súa proposta suscitou entre algúns sectores do seu partido. Lembra que a alternativa que agora está presentando xa se aplicou en Navarra e defende a necesidade de sumar entre os constitucionalistas para illar os nacionalismos.

A portavoz de Ciudadanos asegura que a maioría dos seus compañeiros de partido "ven con bos ollos" a súa proposta e confirma que será debatida no Congreso que a súa formación celebrará en marzo.

Sobre os pagamentos pendentes do Estado ás comunidades autónomas, Arrimadas avoga por "faceren todos un esforzo para esixirlle ao Goberno que pague o que debe", xa que, ao seu xuízo, "hai un Goberno que non está pensando en España, senón en darlles privilexios aos seus amigos".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia