CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

XIV lexislatura

04/02/2020 - 07:39 h

A inauguración de lexislatura, que sempre hai que chamar “solemne acto”, dá para falar unha hora. Pero, como non me deixas tanto tempo, direino no tempo de sempre, pero empezando pola conclusión: saíu moito mellor do esperado, se se mira con ollos de Estado e de normalidade democrática. Para abrir boca, os independentistas galegos, vascos e cataláns fixeron folga e non foron ao Congreso, non fose ser que a xente pensase que os do Bloque son partidarios da monarquía. Estamos nun país libre, e non é obrigado ser monárquico. O único que me deixou levemente intrigado é de que estudo sacan que a sociedade galega, a catalá e a vasca rexeitan maioritariamente a figura dunha institución anacrónica como é a monarquía, segundo dixeron. En concreto, e como cidadán galego, gustaríame moito saber que enquisa ou barómetro manexaron para asegurar que en Galicia é maioritario o sentimento contra o rei Filipe VI. Non digo que non sexa verdade. Digo que ten que haber algún estudo en que se basee esa información. Porque, se non é certa, iso de que non temos rei é tamén unha falsidade.

Despois chegaron os reis ao Congreso. Moito boato. Dosel das grandes ocasións. Presentación de armas dos soldados. E o rei, que debía estar un pouco mosca polo republicanismo dos 49 deputados en folga, sorprendeuse tanto da ovación á entrada que se emocionou un pouco. Os discursos, moi aseados. Meritxell Batet fala ben e di cousas que soan xeitosas. Fala de consenso e de xenerosidade e de diálogo e de escoitármonos todos e de vontade de entendemento. Non podía dicir outra cousa a presidenta do Parlamento; pero, se a di ben, misión cumprida. A min gustaríame, despois de oíla, que todos os políticos quedasen con esta lección que saíu da súa boca: “A discrepancia pode estar no certo”. É dicir, os que levan a contraria poden ter razón. Amén, señora presidenta.

O rei levaba un discurso autocensurado, porque seguro que non dixo nin a milésima parte do que pensa da clase política; pero tampouco era cousa de ir alí rifarlles. Así que expresou o seu respecto institucional a unhas Cortes onde hai máis dun cento de republicanos e deixou a frase que hoxe preside todos os xornais: “España non pode ser duns contra outros, debe ser de todos e para todos”. E que queredes: se o discurso de Filipe VI lle gustou a Echenique, está dito todo. Estamos oíndo cousas que nunca escoitara.

E tampouco vira, porque iso de ver aplaudindo ao rei a Alberto Garzón, que sempre lle chamou Cidadán Borbón, iso é para nota. Dende que o ministro de Consumo puxo traxe e gravata, non hai quen o recoñeza. E do aplauso do resto dos ministros, que queres que che conte, benquerido Valiñas: non me fío un pelo, pero iso de estar no Goberno fai moitos milagres.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia