CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Tráfico, menos mortos

04/01/2019 - 08:03 h

Canto tempo había, querido Valiñas, que non nos detiamos nas cousas da vida! No tráfico, por exemplo. E é unha das primeiras realidades da xente. Da túa e da miña. Ás veces, cando vemos un accidente de tráfico, é inevitable pensar que vivimos porque ata agora tivemos sorte. Hoxe conformámonos, e confórmanse os gobernantes, porque os mortos na estrada foron dezaoito menos no 2018 ca no 2017. Ata se fala dun cambio de tendencia. Pero foron un total de 1.180. E Galicia foi a excepción dese aparente cambio de tendencia, con 28 mortos máis, sinal de que temos moito que reflexionar e moito que facer. En algo fallamos, algo facemos mal, cando non se corrixe a tendencia xeral.

Baixar o número de mortes é a primeira obriga dos responsables de Tráfico en calquera país do mundo. Pere Navarro, o director xeral por segunda vez, sempre é nese sentido unha boa esperanza. Foi o que inventou, por exemplo, o carné por puntos, que coincidiu coa gran baixada de accidentes. E é o home que fala dende o realismo e acomete medidas baseadas en datos. A primeira pregunta que se fai é onde e como se producen os accidentes e aplica a menciña adecuada. Se a inmensa maioría dos accidentes con mortos se producen nas estradas convencionais interurbanas (o 74 por cento) e por exceso de velocidade, baixa o límite de velocidade dos cen aos noventa quilómetros por hora.

Darlle a razón é duro, porque todos queremos correr máis e os novos coches permiten correr moito mais, pero hai que ser realistas: se aí están os acidentes, hai que cortalos. E se non se cortan pola vontade dos condutores, haberá que impoñelo pola forza. E nesa liña irá a reforma do carné por puntos, con sancións máis duras. Penso, por exemplo, nese tipo que acaba de dar positivo en todas as drogas que se poden detectar. Penso en todos os que conducen bébedos. Penso en todos os que vemos que son un perigo na estrada ou nas rúas das cidades. 2019 vai ser un ano duro. Pero hai que aceptalo, aínda que doia. Non podemos descartar que haxa moita vontade recadatoria, que sempre a houbo e seguirá habéndoa. Pero trátase tamén de salvar vidas e, ante esa necesidade, este cronista non ten nada que opoñer.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia