CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Eleccións, como van?

03/04/2019 - 08:05 h

Cando faltan 25 días para a gran decisión, paréceme procedente parar o reloxo e facer a pregunta: como vai isto? Para responder telegraficamente: Vai, máis ou menos, coma sempre, pero con algunhas notas que fan distinto este proceso electoral. O primeiro que o fai distinto é que hai máis partidos dispostos a entrar no Congreso. O principal, como se sabe, é Vox, que apareceu como forza determinante dunha maioría de dereitas en Andalucía e pode facer algo parecido nas institucións do Estado. É a sorpresa do ano. Pero pode haber outra: Unidas Podemos. Hai por aí unha enquisa que di que pode quedar por debaixo de Vox en número de escanos. Se iso se confirmase, significaría o final, oupolo menos un parón, do movemento dos indignados. Sería un dato relevante.

O de Vox tivo outra importancia: obrigou o PP e a Ciudadanos a viraren á dereita para non perder os votos que lles quitaba o novo invitado. E condicionou as mensaxes da esquerda, que atopou na famosa foto de Colón o argumento para mobilizaros seus votantes e que non lle pase o de Andalucía. Niso andan, sobre todo Pedro Sánchez.

Foi tamén e está sendo a campaña da renovación. Pablo Casado colleu a vasoira e, polas razóns que sexan, case que non deixou máis mostras do marianismo que a Ana Pastor en Pontevedra e varreu os restos do equipo de Sáenz de Santamaría no demais. Tanto Casado como Sánchez moveron máis do 60 por cento das listas. E o que moveu máis ríos de tinta foron as fichaxes, dende toureiros a outras persoas distinguidas pola súa popularidade. Imos ver como sae, porque buscar xente de fóra pode indicar unha carencia de persoas propias de valía e non está claro que un toureiro, por bo que sexa, saiba ao mesmo tempo lexislar. E houbo moita pesca en mares alleos, sobre todo por parte de Ciudadanos, culminada onte con Soraya Rodríguez, outra que pasa do PSOE ao centrodereita.

Respecto á calidade das campañas, o PP e Ciudadanos teñen unha necesidade urxente de centrar ou positivar as ofertas, que polo de agora foron máis os partidos do non que os partidos das propostas e das ilusións. Foi unha vantaxe que lle deron a Sánchez, que usou o Consello de Ministros para atraer os seus clientes e ten unha única preocupación: non cometer erros e facer como que ocupa a centralidade política. Saíulle ben, segundo as enquisas, e o presidente máis vilipendiado pola opinión política e a publicada vai hoxe de gañador. Agardo, iso si, que o slogan escollido, Fai que pase, non pareza un slogan de carallada. Porque é moi doado engadir a continuación: "E que non volva". O PSOE tivo reclamos mellores. Cando un reclamo se ten que explicar, moi bo non é.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia