CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Vox, condición de alucine

03/01/2019 - 08:02 h

É todo tan ridículo que non pode ser verdade. É o xeito mais absurdo de facer naufragar un pacto de goberno que ten a finalidade de cambiar case corenta anos de dominio socialista. Pero vexamos os datos antes de nada. Vox sabe a importancia que ten para formar unha maioría en Andalucía. Sen os seus escanos, Moreno Bonilla non pode aspirar á investidura nin pode gobernar con certa tranquilidade. É certo que Vox se sente marxinado no acordo porque os dous principais firmantes non contaron para nada con eles. É natural que queira cobrar dalgún xeito o seu apoio. Calquera outro partido faría o mesmo ou algo parecido.

Eu entendería que Abascal puxese por enriba da mesa algunhas das condicións que leva no seu programa electoral. Por exemplo, a de devolver competencias de ensino, educación ou seguridade ao Estado. Iso, polo menos, daríalle alguna altura de miras, aínda que tampouco sería aceptable. Pero non fai iso, senón que escolle como primeira desculpa a violencia de xénero, o financiamento das medidas e, como consecuencia, porque está no mesmo punto do acordo PP-Ciudadanos, as medidas de igualdade ou a protección dos dereitos do colectivo LGTBI. E faino inventando o concepto de “ditadura de xénero” e falando de preeminencia dun sexo por enriba do outro. Un desvarío.

Chámolle desvarío porque si hai algunha conciencia social neste intre é a de evitar que se sigan matando mulleres no ámbito da familia ou de compañeiros ou antigos compañeiros das asasinadas. Eu manteño que iso non é de extrema dereita nin cousa parecida. É de extremo machismo. E non sería de recibo que Partido Popular e Ciudadanos aceptaran algo así. Quedarían a altura do betún. E o propio Vox, polo mero feito de rexeitar o acordado, sofre un deterioro da súa imaxe, que dubido moito que lle axude a seguir a escalada ascendente de votos que lle están a dar as enquisas. Se persiste na súa actitude, fará imposible o cambio en Andalucía. E, como no hai alternativa á vista, o máis probable sería que se tivesen que repetir as eleccións. Como iso en principio non lle interesa a Vox, supoño que rectificará. E se non, Andalucía volve á posición de saída de hai un mes.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia