CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Sindicatos e Goberno

02/05/2019 - 08:06 h

Vaia choio tiveron os sindicatos con que o Primeiro de Maio coincidise este ano coa formación de Goberno! Deulles a metade dos discursos dos líderes estatais. Se no fose por iso, os seus discursos quedarían no de sempre, só amplificados pola contrarreforma laboral. Sobre a demanda de que se faga un gabinete de esquerdas, teño dúas cousas básicas que dicir.

A primeira é a seguinte: o máis normal do mundo é que os sindicatos reclamen un Goberno de esquerdas. Polo tanto, póñense ao lado de Podemos e de Pablo Iglesias, que ameaza nada menos que cun bloqueo da investidura se non entra no gabinete. O raro sería que os representantes dos traballadores se puxesen a pedir un equipo de dereitas. Agora ben: se se acepta iso como normal, que ninguén se estrañe de que a patronal CEOE pida que o pacto sexa entre o PSOE e Ciudadanos, que xuntos teñen máis escanos que o PSOE e Podemos. E que ninguén se estrañe tampouco de que se diga que os sindicatos politizan o Primeiro de Maio.

A segunda é que Pedro Sánchez ten un problema máis serio do que parece. Se non ten capacidade abonda para convencer a Iglesias de que pacten un programa e non unha coalición, pódese atopar con que non renova a presidencia despois do éxito electoral do 28 de abril. Haberá outros acordos, supoño, pero quedaría demostrado que é máis doado derrubar un Goberno en minoría, como se fixo co de Rajoy, que facer un Goberno estable, como agora se pretende.

O máis perigoso da pinza que están a facer Podemos e os sindicatos é que crean un estado de opinión que se pode resumir así: pactar un Goberno con Podemos é o progresista e o xeito de defender os traballadores. Calquera outro Goberno é ceder ante a dereita, os bancos, a CEOE e o Ibex 35. Penso que ese estado de opinión xa está creado e vaise acrecentar a medida que nos achegamos ás eleccións do 26 de maio, en que Unidas Podemos quererá representar a esquerda auténtica, e deixar o PSOE como un partido que se pode manexar dende o poder económico. Así están as cousas.

A miña opinión final: todo o mundo ten dereito a pronunciarse sobre o Goberno que lle gustaría. A ninguén se lle pode negar. O complexo é distinguir onde empeza ese dereito e onde unha presión interesada que non hai por que respectar. En canto á posición de Podemos, se de verdade quere unha política de esquerdas, que pacte un programa, como lle ofrece Pedro Sánchez. O que non é natural é que, con 42 escanos, fronte aos 123 do PSOE, lle queira impoñer o equipo. Entre outras cousas, porque acabarían a gorrazos, Valiñas.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia