CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

'Brexit', esa carallada

02/04/2019 - 08:04 h

Se son medianamente honrado contigo, cos nosos oíntes e comigo mesmo, teño que dicir que estou máis despistado ca un peixe nun garaxe. O referendo do 'brexit' e o que está a pasar nas votacións do Parlamento lémbranme aquilo que se conta nas miñas terras de Lugo dos tempos da República, cando chegou un político a Betanzos e preguntou: “Betanceiros, que queredes? E os betanceiros responderon que suba o pan e baixe a augardente. Pois nesas andan os británicos: en que suba o pan e baixe a augardente, ou algo así. Moita xente, entre ela o señor Juncker, que algo manda na Unión, dixo o outro día que “se se compara o Reino Unido coa Esfinxe, a Esfinxe é un libro aberto”. É dicir, que os europeos que deciden e participan nas negociacións tampouco entenden nada.

E por que temos tantos tantas dificultades para entender? Porque, despois de tantos desvaríos, non se entende o que queren os ingleses, nin eles saben o que queren. Só dende esa ignorancia deles se pode soster que tres veces o Parlamento botase abaixo o proxecto de Theresa May, pero tamén dúas veces botasen abaixo as alternativas que se presentaron. E non foron poucas. Foron o outro día nada menos que oito. E foron esta noite nada menos que cinco. Nunca houbo perdiz máis mareada na historia pacífica de Europa.

O curioso é que nesas votacións cae todo. Cae a iniciativa de permanecer na Unión Aduaneira, porque iso deixaría Inglaterra sen capacidade para chegar a acordos con outros países. Cae a idea de meterse na Asociación de Libre Comercio por razóns parecidas. Cae a idea de convocar un segundo referendo, supoño que por orgullo dos conservadores e tamén dos laboristas. Non cae, en cambio, a señora May, que se resiste a dimitir como gata panza arriba. A dimitir ou a convocar novas eleccións. E así, a Cámara dos Comúns anda aos tombos, mentres o speaker está quedando sen voz de tanto pedir orde. E os que miramos a Londres temos a tentación de deixar de mirar e que fagan o que queiran: tampouco se poden ter catrocentos millóns de europeos contemplando a máxima expresión da inoperancia.

E así un día tras outro, e votación tras votación, a pregunta de cada mañá é: e agora que? Pois agora, o de sempre: ou saída abrupta o 12 de abril ou prórroga longa, dun ano, para que non se diga que non tiveron tempo. Toca seguir agardando, Valiñas. Mentres haxa paciencia.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia