CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

O primeiro discurso da princesa Leonor

01/11/2018 - 08:04 h

"A vantaxe da monarquía é esta: que cando nace o herdeiro ou a herdeira, como neste caso, xa sabemos quen vai ser o futuro rei ou a futura raíña. Non fai falta agardar a que veñan eleccións, porque o titular da Coroa non se vota, para desgusto de Podemos e doutros republicanos. Así que, desde hai trece anos, que naceu a princesa Leonor, todo é estrea e seguirao sendo ata o día da coroación, se é que chega a haber coroación, que neste país nunca se sabe. Da princesa Leonor sabemos cando foi por primeira vez á escola, cando asistiu por primeira vez aos Premios Príncipe, hoxe Princesa de Asturias, saberemos cando empeza a ter noivo –ao que non lle arrendo as ganancias-, e onte tocoulle outra estrea, que foi o poñerse por primeira vez diante dun micrófono e das cámaras en público. E, como todo o mundo a viu, non fai falta subliñar que non o fixo mal. Á neniña houbo que poñerlle unha especie de escaleira, porque o atril estaba preparado para seu pai e non chegaba. Pero leu ben, non se equivocou, e iso é todo o que se lle podía pedir".

"Xa queda lanzada camiño do trono para cando Deus dispoña. Ben, neste caso ao mellor non é só Deus o que dispón, senón os independentistas cataláns que reprobaron ao rei no seu Parlamento e no concello de Barcelona e pensan facer o mesmo noutros concellos. E tamén Esquerda Unida, que está diluída en Podemos, pero tamén quere facer reprobacións en mil concellos de toda España. O perigo da princesa Leonor é que avance esa idea de abolir a monarquía, e os ventos da xente máis nova parece que van nesa dirección."

"Mentres tanto, estamos no sistema en que estamos, que é xustamente o que leu a princesa do artigo primeiro da Constitución: estamos nun estado social e democrático de dereito, onde a soberanía reside no pobo español e cunha forma política de monarquía parlamentaria. E, despois de 43 anos, non lle foi mal a este país. Por min, que Leonor siga lendo moito en público. Que se siga formando para ser xefa do Estado. E que chegue a reinar".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia