CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Dous anos do 1-O

01/10/2019 - 07:38 h

Politicamente, esta data do primeiro de outubro é como se chegase ás costas catalás o furacán Lorenzo. Todos estamos agardando a ver si a rauxa –que é o contrario do “seny”—se desata, porque aos independentistas de Torra nótanselle as ganas de facer algo soado. Este día é o comenzo dun mes que vai ser presidido pola axitación, que ten estes axentes: á súa cabeza, ao presidente Torra. Detrás de el, todo o demais: os CDR, que se están convertendo nunha especie de gudaris que queren garantir que non baixe a presión nin a tensión. Despois, a asociación ANC e Òmnium Cultural, que poñen o sostén ideolóxico e tamén o operativo, porque ANC quere colapsar a tráfico tan pronto se coñeza a sentencia. E cun papel máis indefinido, os partidos: o PDeCat, que é o de Torra, e vai de capa caída nas enquisas; Esquerra, que é máis posibilista e en principio non está pola independencia unilateral, e a CUP, que agora quere ter deputados em Madrid para montar a lea no Congreso.

Todo isto complicouse onte coa dimisión de Andreu Martínez, que era o xefe político dos Mossos d’Esquadra dos últimos 15 meses. Di que se vai por razóns persoais, pero iso non se cre. Non é tan irresponsable como para marchar por motivos particulares na véspera do 1-O. Se se vai é porque, segundo apunta hoxe a prensa catalá, perdeu a confianza de Torra. E o que eu penso é que a perdeu porque Martínez é partidario de que a policía cumpra a legalidade e obrigue a que se cumpra, e Torra está noutra cousa. Está en que a policía que depende del sexa tolerante cos que protestan. É dicir, cómplice.

Non sei que vai pasar hoxe. Pode pasar de todo, ou non pasar nada que non sexa a manifestación de Barcelona e as concentracións en outras cidades. Pero vai ser, sobre todo, unha xornada de quentamento para a gran protesta que se prepara para recibir a sentencia do Supremo. De feito, daranse a coñecer as accións que se preparan. E o que quere Torra é que sexa unha celebración do cabodano con esta importancia: “É a data fundacional da república”. Esa frase non é miña. O do propio presidente da Generalitat. Pretende converter este día na celebración do acontecemento ilegal do que xurdiu o procés e iso que chaman o mandato popular para chegar á separación de España.

Persoalmente, penso que non hai nada que celebrar. Nin o independentismo avanzou nada nin a república deixa de ser um soño. O único que se fixo foi dividir máis a sociedade. E agora o que se busca é montar unha gran lea para recuperar a iniciativa separatista. Como alguén escribiu, a lea, o caos, é a última bala do separatismo.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí