CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

España baleira

01/04/2019 - 08:06 h

Quero subliñar unhas cantas cousas. A primeira é que a manifestación foi un éxito. Non se pode cualificar doutro xeito que se xunten cincuenta ou cen mil persoas para reivindicar atención á España que se despoboa. Esa si que é a España real. O seu berro é o berro da sociedade civil máis sensible ante unha parte do país que agoniza. E é unha parte moi importante, como reflicten os datos que se difunden estes días: máis de metade do territorio ten unha densidade de 12,5 habitantes por quilómetro cadrado. Está nos límites mesmos da despoboación. As novas de lugares abandonados ou lugares que se venden son, desgraciadamente, novas que se publican como se fosen pintorescas e non o reflexo dun drama nacional. Económico e humano.

A segunda é que poucas veces, por non dicir ningunha na historia recente, se deu unha coincidencia coma a que se dá neste intre: hai unha demanda social; un proxecto, programa ou polo menos unha oferta do Goberno central que se deu a coñecer no último consello de ministros do venres; un comezo dunha serie de propostas do resto dos partidos políticos que supoño que acabarán entrando nos seus programas electorais e un apoio da opinión publicada como poucas veces se viu ante un problema. Non é que a opinión publicada sexa imprescindible, pero actúa de acicate. Así que, ante unha mostra de unidade e de reclamación tan grande, temos dereito a agardar que agora haxa solucións. De que tipo? De todos, pero mirando a unha meta: facer que o rural volva ter capacidade de reter a xente que aínda vive del, vive nel e á que lle gustaría vivir nel, se tivese os servizos e as condicións de vida elementais do século XXI. Hoxe o rural bota fóra a súa xente.

Sabes, Valiñas, cal é a miña desconfianza e supoño que a túa e a de moitos dos nosos oíntes? O tempo en que estamos, que é tempo electoral. E, se queremos agravar un pouco esa desconfianza, o feito de que os partidos se decataron de que onde xogan a súa maioría, cerca dun cento de deputados, é precisamente na España baleira. Por iso, estamos a ver o poucas veces visto: o despregamento nesas provincias, políticos retratados nun tractor ou metidos nunha granxa, ou facendo aloumiños a unha vaca aos que antes lles houbo que explicar que era unha vaca. Incluso os hai que meten nos sus seus discursos a palabra gandeiro, quen nolo ía dicir! Ata cando durará ese entusiasmo labrego ou gandeiro? Responderei, responderemos todos, cando pasen as eleccións.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia