CRTVG

Buscar

Galicia por Diante Fin de Semana

Bartolomé Vargas: "O 40 por cento das perdas de carné de conducir por diminución de facultades prodúcense en Galicia"

23/11/2019 - 08:22 h

O fiscal coordinador de Seguridade Viaria da Fiscalía, Bartolomé Vargas, explicou na Radio Galega que Galicia puxo en marcha unha iniciativa pioneira para controlar as condicións psicofísicas da terceira idade e detectar cando hai perda de facultades que obriguen a limitar ou retirar o permiso de condución.

Esa iniciativa, impulsada polo fiscal autonómico Carlos Gil, deixa datos elocuentes, en palabras de Bartolomé Vargas. De feito, o 40 por cento das perdas de carné de conducir por diminución de facultades prodúcense en Galicia. Vargas insiste en que hai que implantar a cultura de que se non se está en boas condicións non se pode conducir.

Ademais, Bartolomé Vargas revelou que hai arredor dunha decena de investigacións en marcha a centros psicotécnicos galegos por non seren estritos nos seus controis. O Fiscal dixo que o obxectivo
é que estes centros estean en contacto co Sergas (para que teñan acceso aos historiais médicos) e con Tráfico para actuaren de forma coordinada. Pero para iso, salientou, hai que levar a cabo outras reformas legais previas porque, entre outras cousas, a Lei de protección de datos impide que transcendan os datos sanitarios dos cidadáns.