CRTVG

Buscar

Galicia en Goles

Antonio Serantes, presidente do Ribadumia: "Nesta situación non viaxaremos a Ourense para comezar a competición"

09/10/2020 - 20:50 h

A incerteza planea sobre a Terceira División Galega. Onte Paco Santos conversou con Antonio Serantes, presidente do Ribadumia e médico de profesión. O máximo mandatario do conxunto do Salnés confirmou que non se presentarán ao primeiro partido de liga, a vindeira fin de semana en Ourense.

"Sentíndoo moito, e como máximo responsable do club, creo que non vamos a acudir ao partido en Ourense. Tal e como están as cousas non nos parece seguro nin pertinente arrincar a competición. Os datos e cifras están ao nivel de marzo e non é de recibo poñer en marcha a competición".

Polo seu traballo e o da súa familia, Serantes é moi claro: "A situación é difícil. A responsabilidade está recaendo e sendo delegada nos clubs.  Estamos falando de categorías onde moitos xogadores teñen que pensar nos seus traballos, familias... Puxemos en coñecemento da Federación as nosas dúbidas sobre algúns aspectos que non temos claros. A final da Preferente si que nos presentaremos. Está prevista dende hai semanas e faremos o esforzo".

Así e todo, esta mesma semana está prevista unha xuntanza cos clubs da Terceira Galega para definir claramente estas preocupacións ante  situación xerada nos últimos días nalgunhas zonas de Galicia.