CRTVG

Buscar

Galicia en Goles

Galicia en Goles emite esta fin de semana máis de 20 horas coa volta da Liga

07/06/2020 - 20:58 h

 

 

Volve a Liga de fútbol e Galicia en Goles desprega o mellor equipo humano e técnico para contar a primeira das once xornadas da recta final dos campionatos na Primeira e Segunda divisións.

 

O venres, ás oito e media do serán, Paco Santos conduce a primeira edición ata as doce da noite, coa análise dos partidos dos equipos galegos na fin de semana e o seguimento ao que está pasando nos seis partidos do día.

 

O sábado, desde as tres e ata as doce da noite, Xoán Galán dirixe o equipo que trasladará a emoción de dous encontros nos que participan os nosos equipos. Na Primeira División, o Celta recibe en Balaídos ao Vilareal. Roberto Carlos Carballo encargarase da narración, co apoio nos comentarios técnicos e tácticos de Moncho Carnero e Víctor López. Mentres, Gonzalo Alonso irá percorrendo distintos centros onde se van xuntar as peñas para seguir os noventa minutos de xogo.

 

Á mesma hora xoga o Lugo no Sardinero, ante o Racing de Santander, na Segunda División. Andrés Vieites trasladará á audiencia todo o que pase no partido, mentres Raúl Villares estará na cidade das murallas pulsando a opinión dos seareiros que se congregarán en locais públicos para animar na distancia ao seu conxunto.

 

Logo dos dous partidos, o Galicia en Goles retransmitirá as comparecencias dos adestradores, que se producirán de xeito virtual coas preguntas dos xornalistas a través dunha plataforma online e abrirá os micrófonos aos especialistas para debatir no faladoiro dos resultados do Celta e do Lugo.

 

No último treito, o programa centrarase no Mallorca-Barcelona, que afecta directamente ao Celta na pelexa pola permanencia na máxima categoría.

 

Xa o domingo, tamén a partir das tres, a emoción da xornada pasará por Riazor, onde Javi Torres contará o Deportivo-Sporting de Xixón, que aínda sen poder ter público nas bancadas foi declarado de alto risco. César Méndez e Xosé Manuel Traba ocuparanse da análise do xogo que despreguen os futbolistas de Fernando Vázquez. Tras as comparecencia dos preparadores, o programa adicará un faladoiro ao partido da Coruña e tamén a todo o que sucedeu durante a fin de semana.

 

A última hora do domingo complétase coa emisión de Ao Contraataque, espazo no que Pedro Pablo Alonso abrirá mesa de debate cos xornalistas Víctor López, Javi Torres, Toni López e Millán Gómez, xunto ao adestrador Peli Cantoná.

 

Todos os programas da Radio Galega chegan a través da FM, TDT, radiogalega.gal, aplicacións como Radioplayer España e polo altofalante Alexa. Ademais, no caso do Celta-Vilareal, os oíntes poden escoller a opción de audio Radio Galega a través do seu operador televisivo para combinar a imaxe do partido coa narración na nosa língua.