CRTVG

Buscar

Este venres, Numancia-Deportivo na Radio Galega

Comeza unha nova xornada da Liga na segunda división A. Este venres, o Deportivo da Coruña abre o calendario ante o Numancia de Soria no estadio de Los Pajaritos. O partido chega en plena crise de resultados do equipo, que baixou ata o sétimo posto da clasificación, polo que está fóra dos postos de promoción de ascenso á Primeira División. Ademais, o anuncio da dimisión do consello de administración prende a incerteza no club de cara ao futuro.

Así e todo, Martí e os seus futbolistas non dan por rematada a temporada. Quedan sete encontros e os catro puntos que os separan dos postos de play-off non son unha diferenza insalvable. No camiño da remonta a primeira parada é Soria, onde agarda un rival que está en postos próximos ao descenso, aínda que na casa é un equipo complicado de superar.

Pedro Pablo Alonso dirixe desde as nove menos cuarto da noite a retransmisión do Numancia-Deportivo, coa narración de Javi Torres e con Raúl Villares no micrófono sen fíos. Ao remate dos noventa minutos de xogo, os oíntes poderán escoitar en directo a comparecencia dos dous adestradores e as opinións na zona mixta dos xogadores máis destacados.

Xunto a este encontro, o Galicia en goles tamén estará pendente da penúltima xornada da Liga Española de Baloncesto. No Paco Paz, o Club Ourense Baloncesto recibe ao Arabérri, mentres o Basket Coruña pecha a temporada en Riazor fronte ao Huesca. Outra das citas é o segundo encontro do Celta en Tenerife na fase de ascenso á Liga Feminina 1, ante o equipo anfitrión, Los Adelantados. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí