CRTVG

Buscar

Diario Cultural

Últimos resultados da campaña arqueolóxica no Campo do Castro, na Punta Sarridal en Cedeira

11/08/2020 - 14:51 h

Nesta semana, daremos conta co noso colaborador arqueólogo, Mario César, dos resultados da última campaña arqueolóxica en Campo do Castro (Cedeira), dirixida polo arqueólogo Emilio Ramil.

O Castro Sarridal enmárcase na segunda fase da cultura castrexa, entre os séculos V – II a.C. ata a etapa galaico romana, entorno aos séculos I-II d.C. Posteriormente o castro abandónase por completo ata as sondaxes arqueolóxicas iniciadas no 2017.

O tamaño do castro abarca toda a península do Sarridal e na súa unión coa terra presenta un sistema defensivo con dous profundos fosos e dúas murallas. Ademais, atópase rodeado de cantís. O seu elemento arquitectónico mais destacado é o Monumento con forno, unha estrutura dedicada aos baños de vapor que conta cunha complexa arquitectura.

Na última intervención, rematada a pasada semana, escavaron o camiño de acceso ao castro, o cal conta cun lousado que leva á antecámara da sauna. Escavaron tamén a liña defensiva interior do primeiro recinto fortificado co bastión de acceso e atopando todo un novo bastión sobre o foxo. Un bastión de forma oval que controla o acceso e se acaroa ao paramento exterior, e que constitúe un singular complexo defensivo.