CRTVG

Buscar

Diario Cultural

'Dende Finlandia con amor', de Roman Schatz, e 'A virtude de Checchina', de Matilde Serao

08/10/2019 - 10:49 h

Esta semana Armando Requeixo convídanos á lectura de dúas novelas traducidas: Dende Finlandia con amor, de Roman Schatz, e A virtude de Checchina, de Matilde Serao.

Dende Finlandia con amor (Esplanadi) foi traducido por Tomás González Ahola e é o relato do mundo finlandés visto por un alemán asentado no país nórdico dende hai moitos anos. Tal como o propio autor declara no limiar, con este libro non pretende “ofender nin facer enfadar a ninguén, senón entreter os meus lectores, sexan estranxeiros que viven aquí e sofren o choque cultural, ou sexan finlandeses cunha autoestima a proba de bomba e cun saudable sentido do humor”. Cheo de ironía e fina observación, Schatz revélanos as curiosidades do xeito de vivir destes veciños do norte, por veces abondo xenuíno e difícil de comprender, mais sempre curioso e sorprendente.

A virtude de Checchina (Hugin e Munin) é unha novela breve traducida por Isabel Soto que nos presenta a vida dunha dama romana, aburridamente casada cun médico rosmón e avaro, que un día cruza co Marqués d’Aragona, recoñecido donxoán, e sente a tentación do adulterio. A partir dese momento todo o seu mundo cambia, debaténdose entre os consellos da súa amiga Isolina, unha dama liberada que vive con ledicia o libre amor, e a súa serventa Susanna, beata cismona á que todo lle semella pecaminosa obra de Satán. As conversas con estas e, sobre todo, o cismar que a mente soñadora de Checchina desata constitúen o nó desta narración que desenvolve unha fonda crítica á hipocrisía dos convencionalismos sociais e á anulación da liberdade persoal esmagada pola máis resesa moral.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí