CRTVG

Buscar

A Crónica 20h

'A crónica' do día 19

19/01/2021 - 20:03 h

As claves informativas do día, no espazo 'A crónica'. 

As últimas decisións do comité clínico: dende a medianoite do xoves pecha toda a actividade non esencial en Arteixo, Xinzo e Viveiro. No conxunto de Galicia, os expertos decidiron suspender as competicións de deporte federado de ámbito autonómico e limitar os adestramentos a catro persoas.

Analizamos a evolución do coronavirus: a incidencia acumulada rexistra hoxe a cifra máis alta dende o inicio da pandemia, tanto en Galicia como en España.

Galicia leva xa unha semana rexistrando máis de mil novos contaxios diarios. Pero a máxima preocupación segue nos hospitais. O número de ingresados nas UCI supera xa o pico da segunda onda da pandemia.

Coa mirada posta na xornada de mañá, Goberno e comunidades autónomas debaterán, no Consello Interterritorial de Saúde, a posibilidade de cambiar o decreto do estado de alarma para adiantar o inicio do toque de queda.

Goberno, sindicatos e patronal acordan a prórroga dos ERTE ata o 31 de maio. Estenderanse sen necesidade dunha nova autorización administrativa.

Duro revés para a comarca do Eume: Endesa confirma que pechará a central térmica da Pontes porque o uso de biocombustibles non serve para mantela operativa.

Na outra cara da moeda, Stellantis, o grupo automobilístico creado tras a fusión entre PSA e Fiat Chrysler comprométese a non pechar ningunha planta e a conservar os postos de traballo.

Tamén no ámbito industrial, a xustiza anula o acordo co que Nueva Pescanova pretendía refinanciar a súa débeda de 600 millóns de euros. 

Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi xúntanse para defender os intereses dos agricultores e gandeiros á hora de repartir os cartos da Política Agraria Común.

O BNG reitera que chamará á mobilización se antes do 1 de febreiro non se fan efectivas as rebaixas das peaxes da AP-9 comprometidas polo PSOE no acordo de investidura e contempladas nos presupostos xerais do Estado.