CRTVG

Buscar

A Crónica 20h

Os hostaleiros de Ourense: "As administracións teñen que chegar a un acordo para sacar adiante o fondo de rescate do sector"

15/01/2021 - 20:15 h

Un dos sectores económicos máis castigados pola pandemia foi a hostalería. Os seus representantes insisten en pedir un rescate en que estean implicadas todas as administracións. Sobre a mesa, a creación dun fondo de rescate aos seus negocios, no que a Xunta inviste o 50 %; as deputacións, o 30 %, e os concellos, o 20 % restante.

Hoxe, no informativo A crónica, Xosé Luis López Vila entrevistou o presidente da Federación de Hostaleiros da provincia de Ourense, Ovidio Fernández Ojea. Asegura que é necesario que todas as administracións se poñan de acordo para sacar adiante o fondo do rescate. Unha axuda que, sinala, é a única solución para un sector que está, cada vez, nunha situación máis crítica.

"É urxente unha solución porque xa hai moitos establecementos que quedaron no camiño e que non volverán abrir", indica.

Neste espazo informativo da Radio Galega, Xosé Luis López Vila entrevistou tamén a Martín Pais, presidente do Grupo Orixe-Gastronomía Galega, que tivo que reinventarse e converteu o seu restaurante nunha tenda de produtos delicatessen e de venda de comida para levar con algún prato que xa tiña na carta.

"Agardo volver abrir o restaurante algún día de forma continuada, pero as administracións non poden estar xogando a abrir e pechar os negocios con cada cambio de restricións", explica. Tamén critica que os hostaleiros "tiveramos que pagar de forma íntegra os impostos e taxas, cando os ingresos neste 2020 foron mínimos".