CRTVG

Buscar

Xurxo Hervada: "Estamos en alerta ante o coronavirus, pero non en alarma"

Publicado o 11/02/2020 10:32

Xurxo Hervada, subdirector xeral de Información sobre Saúde, falou esta mañá en directo no Bos días sobre como afronta a sanidade galega a epidemia xurdida na China a causa do coronavirus. 

"Non estamos no pico aínda pero é posible que empecen a funcionar algo as medidas de illamento e a corentena que adoptou A China. O número de novos casos é tres mil, elevado pero por baixo dos 3.500 diarios e habituais ata agora na China", dixo.

En calquera caso quixo enviar unha mensaxe de tranquilidade: "Estamos na novidade. E nós estamos en alerta pero non en alarma. É un novo virus do que hai moito que coñecer: cal é o período de incubación, o de transmisibilidade..., e na parte terapéutica algúns antivíricos poderían funcionar. Hai que pensar que levamos seis semanas e temos xa ata capacidade diagnóstica en varios hospitais. Avanzamos pero quedan imterrogantes sobre as mellores medidas de contención".

En canto ás medidas a adoptar asegurou que "os protocolos buscan identificar canto antes un caso de contaxio. Son moi sensibles e por iso a maioría das sospeitas van ser negativas. Só se fará nos casos que cumpran criterios: alguén que veña da China, que tiña sintomatoloxía ou por contacto con alguén que teña coronavirus. O importante para nós é evitar novas infeccións. Ata agora transmisión comunitaria só sucede na China". 

"O sistema sanitario está en alerta e ten capacidade para manexar estes pacientes minimizando os riscos de contaxio que por outra parte non son moi elevados", concluíu.

Noticias web

11/02/2020