CRTVG

Buscar

A Xunta e os principais partidos acordan aprazar as eleccións

Publicado o 16/03/2020 21:28
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, confirmou, tras a reunión mantida cos grupos políticos, que as eleccións galegas previstas para o próximo 5 de abril non se celebrarán debido á pandemia do coronavirus. Núñez Feijóo, que é tamén candidato á reelección polo PPdeG, mantivo este luns unha videoconferencia con Gonzalo Caballero (PSdeG), Antón Gómez Reino (Galicia en Común- Anova-Mareas), Ana Pontón (BNG) e Beatriz Pino (Cs), candidatos á Presidencia da Xunta polos principais partidos en Galicia. Nela tamén participou o portavoz do PPdeG no Parlamento galego Pedro Puy.
Todos coincidiron en que "non ten sentido" manter o 5 de abril como data para os comicios autonómicos, aínda que diferían en como abordar unha nova convocatoria, que non se fará, advertiu Núñez Feijóo, ata que se levante o estado de alerta en toda España e o estado de emerxencia sanitaria en Galicia, datas ambas as "incertas". O presidente galego emprazou aos grupos a unha nova reunión mañá na que mostrará un borrador de decreto que pretende establecer "as regras de xogo", de modo que o proceso electoral se poida retomar no momento no que quede finalmente suspendido; isto é, sen ter que volver outra vez para deixar transcorrer 54 días desde que se convoquen as eleccións.
Preguntado sobre se lle gustaría que as eleccións galegas volvan coincidir coas eleccións vascas, dado que o lehendakari Íñigo Urkullu acordou este luns cos principais partidos vascos aprazar tamén os comicios previstos para o 5 de abril, dixo que si; aínda que lembrou que iso dependerá de varias circunstancias. Entre elas, sinalou que o acordo alcanzado no País Vasco implica a volta ao proceso dos 54 días, mentres que en Galicia a intención é que iso non sexa así, "se é legalmente posible".
Núñez Feijóo explicou que, de acordo coa Asesoría Xurídica, redactarán un borrador de decreto para ensinar aos partidos e que tamén enviarán á Xunta Electoral, que a semana pasada advertiu das condicións que se terían que cumprir en caso de suspender, aprazar a convocatoria electoral en marcha. Confiou en que antes do xoves, "o día que comezaría unha campaña dunhas eleccións que xa non se van a celebrar", dixo, poida ter o visto e prace para poder aprobar o decreto que fixe "as regras do xogo" para a seguinte convocatoria. "Para min xa estaban desconvocadas desde hai varios días e algunha semana. Faltaba executalo formalmente, agora co aval dos grupos políticos", dixo.
O presidente galego explicou, ademais, que tanto País Vasco como Galicia declararon o estado de emerxencia sanitaria polo que haberá que esperar a que sexa levantado e ver en que condicións epidemiolóxicas se atopa cada territorio nese momento. "Oxalá pronto podamos falar de eleccións! Pero están fóra da axenda do Goberno e do seu presidente. A elección prioritaria, a única que hai neste momento e na que estamos todos os galegos é derrotar a pandemia. Lamentablemente é a (elección) que está convocada e non sabemos canto vai durar esa convocatoria", sinalou.