CRTVG

Buscar

Xúlganos por atraco a unha gasolineira de Ribeira que deixou coxo o empregado

Publicado o 06/07/2020 14:14

Na sala compostelá da Audiencia da Coruña empezou está mañá o xuízo a Pablo Fojo e Domingo García, veciños de Ribeira e da Pobra do Caramiñal, como presuntos autores do atraco a unha gasolineira.

Os dous acusados negaron os feitos que lles imputan; por un lado o roubo da moto utilizada na acción e tamén o asalto con escopeta a unha gasolineira situada en Oleiros, Ribeira, en xaneiro do ano pasado.

Naquel atraco os autores levaran algo máis de 800 euros e deixaran tirado no chan e cun tiro nunha perna o empregado que a atendía. A vítima, de 23 anos, sufriu catro operacións e quedou coxo.

O fiscal considera os dous que son autores dun delito de roubo con forza en casa habitada pola subtración da moto, outro de violencia en establecemento con uso de armas, outro de lesións e outro de posesión ilegal de arma.

Os dous están hoxe en día en prisión provisional. As penas de prisión que pide o fiscal nas conclusións provisionais suman 19 anos para un e 21 para o outro.

A diferenza débese ao achado dunha pistola durante o rexistro na vivenda do ribeirense, para a que non tiña licenza.

No transcurso da mañá tamén declararon testemuñas como a nai dun deles, que dixo que domingo estaba na casa á hora do asalto.

Noticias web

06/07/2020