CRTVG

Buscar

Xulgan a Pachi Vázquez por prevaricación por contratos de cando era alcalde

Publicado o 23/11/2020 11:34

O exsecretario xeral do PSdeGexconselleiro da Xunta Manuel 'Pachi' Vázquez chegou este luns ao xulgado en Ourense para declarar na causa aberta contra el por presunto delito de prevaricación continuada en relación cunha serie de contratacións realizadas durante a súa etapa de alcalde do Carballiño de 1995 a 2005.

O exconselleiro chegou ao xulgado contra as 10:10 horas, e declinou facer declaracións aos medios de comunicación ata que conclúa o xuízo. A vista oral do xuízo prodúcese quince anos despois de que acabase o seu etapa de alcalde.

A Fiscalía de Ourense acusa a Vázquez e outras persoas de prevaricación continuada en relación con suposta irregularidades nunhas sesenta contratacións e solicita para el dez anos de inhabilitación para emprego ou cargo público, o que, en caso de condena, o apartaría da vida pública.

A Fiscalía argumenta que o alcalde e outros acusados subscribiron durante a súa etapa á fronte do concello do Carballiño "gran número de contratacións" de persoal laboral de duración temporal que se converteron en indefinidas.

Ademais de Vázquez figuran como acusados o seu sucesor no cargo, Carlos Montes -alcalde de 2005 a 2011- e os  exconcelleiros de Persoal -de 1995 a 2007-, o seu sucesor entre os anos 2007 a 2011 e o extitular de Asuntos Sociais de 1995 a 2007.

Pachi Vázquez e o resto de acusados declararán ao final do xuízo

Pachi Vázquez e o resto de acusados declararán ao final do xuízo e despois de que o fagan as testemuñas. A titular do Xulgado do Penal de Ourense aceptou a petición formulada polas defensas para que os acusados poidan intervir unha vez que o fagan as testemuñas que están chamados a declarar nesta causa, que está previsto que se prolongue ata o próximo 11 de decembro.

Así o confirmou o letrado de Pachi Vázquez, Víctor Moreno Catena, quen rexeitou as acusacións que se imputan ao seu defendido e xustificou o cambio na orde de declaracións dos acusados para non desvirtuar o dereito á presunción de inocencia.

En declaracións aos medios á saída da primeira xornada do xuízo, o letrado cualificou de "estraño" que a fiscala do caso cite agora a declarar uns setenta traballadores que pasaron polo consistorio do Carballiño cando "un 80 por cento das testemuñas non foron escoitados nunca nin pola acusación nin pola defensa", dixo.

"Non sabemos que van declarar. Estamos nunha situación de ver cada día por onde vén o vento, que é o que declaran, que é o que saben e que é o que sucedeu con cada un dos traballadores que van ser, ao longo de tres semanas, traídos a este procedemento", afirmou.

Para o avogado de Vázquez, "non é o usual" polo que considerou "lóxico" que os acusados declaren unha vez practicada toda a proba ao ser "o sistema máis respectuoso cos dereitos fundamentais, a presunción de inocencia e co debido proceso", a fin de poder "achegar a súa versión" máis aló do dereito "á última palabra".

Á súa chegada aos xulgados, o exlíder dos socialistas galegos preferiu gardar silencio ante unha nutrida presenza de medios de comunicación ata que acabe o xuízo, por recomendación dos seus avogados. 

 

Noticias web

23/11/2020