CRTVG

Buscar

Adían o xuízo contra o home que atropelou uns ciclistas ao estar hospitalizado

Publicado o 18/11/2019 11:06

O xuízo contra un condutor octoxenario que en marzo de 2016 atropelou un pelotón de ciclistas na Guarda, dous de cuxos compoñentes faleceron como consecuencia das lesións sufridas, foi aprazado ao próximo 19 de decembro por estar o acusado ingresado nun hospital.

Así o avanzou seu avogado de Manuel Benito A. L., quen hoxe xa ten 91 anos, en declaracións aos medios tras a suspensión da vista oral.

A fiscalía pide para el, que no momento dos feitos tiña 87 anos, catro anos de cárcere por dous delitos de homicidio por imprudencia grave, e outros seis por lesións graves, mentres que unha das acusacións particulares pide que, adicionalmente, o condenen por omisión do deber de socorro.

Carlos Borrás, avogado do acusado, relatou que o seu cliente tivo que ingresar de urxencia este domingo nun centro hospitalario por "unha doenza física" que non sabe se "vai durar ou non".

Espera o letrado que para o 19 de decembro poida estar dispoñible, aínda que "non o podo garantir".

O avogado da defensa pedirá a libre absolución do seu representado, ao considerar que "non hai responsabilidade penal, senón unha mera responsabilidade civil" que quedou resolta en "case o 90% dos casos".

E é que a maioría dos ciclistas atropelados por Manuel Benito A. L. xa recibiron as súas indemnizacións, incluídas as familias dos dous falecidos.

Borrás indicou que varios ciclistas renunciaron á vía penal tras seren indemnizados.

Ao preguntarlle por se se o seu cliente é declarado culpable entraría no cárcere a pesar da súa avanzada idade, indicou que non exporá na súa estratexia de defensa ningún "tipo de cuestión" relacionada con iso, e engadiu: "Tampouco creo que haxa moitas persoas de noventa e pico anos nos cárceres españois".

Na instrución da causa, o xuíz de Tui descartou que o acusado incorrese nun delito de omisión do deber do socorro.

Unha das acusacións sostén, con todo, que en fase de instrución quedou demostrado que o condutor non parou e seguiu a súa marcha tras atropelar o pelotón de ciclistas e que non tivo intención de socorrer.

A versión da defensa é que se ausentou do lugar do atropelo e foi ata un restaurante, onde chamou a policía, porque lle pareceu que aquela era a mellor forma de pedir auxilio.

No auto de apertura de xuízo oral, a xuíz instrutora de Tui indicou que cando o condutor pasou os últimos compoñentes do pelotón comezou a atropelar "sorpresiva e sucesivamente" a quen ía máis adiante, sen variar a súa traxectoria.

Un informe da Garda Civil achegado á instrución da causa sinala que este home non variou a súa traxectoria desde o primeiro impacto nin freou ata 200 metros máis adiante de onde protagonizara o atropelo masivo.

O sinistro produciuse o 12 de marzo de 2016, ás once da mañá, nunha estrada do municipio da Guarda (Pontevedra), na PO-552, no lugar de San Xián, cando parte do pelotón circulaba coas súas bicicletas e recibiu o impacto do todo terreo que conducía Manuel Benito A. L.

No lugar do atropelo morreu José Antonio Casás, e dez meses máis tarde, Diego Freiría, en tanto que outro membro do pelotón, José Antonio Vilán, profesor e investigador da Universidade de Vigo, quedou con graves secuelas e recoñecéronlle a incapacidade permanente absoluta. 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/11/2019