CRTVG

Buscar

Xosé Blanco: "Co 'brexit' hai unha incerteza sobre o que vai pasar coa frota galega"

Publicado o 13/12/2018 11:59

Nesta semana clave para o futuro da Unión Europea falamos co eurodeputado do PSOE Xosé Blanco (Grupo de Alianza Progresista de Socialistas e Demócratas), membro da Comisión de Industria e Enerxía no Parlamento Europeo.

  • Futuro de Alcoa nas plantas da Coruña e Avilés

"Europa fixou un obxectivo, que era conseguir o que a industria supuxese o 20 por cento do PIB e, con todo, estanse desmantelando industrias ou están sendo ameazadas por prácticas de dumping, como pode ser no caso do aceiro e do aluminio en relación coa China. Tomáronse medidas no ámbito europeo, pero non medidas suficientes e, polo tanto, estamos a reivindicar e hai unha maior implicación do Parlamento Europeo para impulsar a industria europea, para que exista un auténtico plan europeo. Hai presións e hai disposición, incluso do presidente do Parlamento Europeo, para tratar de que non se peche nin unha sóa industria máis no ámbito europeo".

Pregunta: Pode o Goberno de Pedro Sánchez adoptar algunha medida máis en clave nacional para paliar esta situación?

Resposta: "É verdade que este Goberno chega un pouco tarde porque era necesario que se adoptasen medidas para non ter que chegar a esta situación, pero o Consello de Ministros acaba de adoptar todo un paquete de iniciativas para abaratar os custos. (...) Hai que ser activos para lograr que Alcoa reverta a súa posición ou ben que posibilite unha alternativa de venda porque parece que existen compradores para poder facer fronte a esta situación, hai que garantir o emprego e garantir que estas empresas non se pechen".

  • Consecuencias do 'brexit' para Galicia

"En primeiro lugar, ten un impacto sobre o imposto comunitario, que se vai reducir arredor do 10 por cento. (...) Os fondos estruturais e de cohesión van verse reducidos e os fondos de agricultura, a Política Agraria Común, e o Fondo Pesqueiro Marítimo, e iso pode ter un impacto en Galicia, como xa vimos reclamando desde hai tempo. Logo hai unha incerteza sobre que vai pasar coa nosa frota que está pescando alí, a verdade é que se se aproba vai haber un periodo transitorio que posibilita buscar alternativas, pero xa unha saída sen acordo é un auténtico desastre para a frota galega".

Resultados das eleccións andaluzas e proxección unha eleccións a nivel nacional.

"Está claro que o espazo da dereita se está fragmentando en dúas opcións, Ciudadanos e o Partido Popular; agora entra con importancia a ultradereita, entre outras cousas polos discursos absolutamente esaxerados que se fan dende a dereita política do noso país e, polo tanto, isto vai ter impacto en toda España e vai configurar, lamentablemente, un novo marco con novos riscos. (...) Sería impensable que aquí (Parlamento Europeo) os liberais europeos puidesen coaligarse (...) cos eurófobos, coas persoas que queren desconstruír a Unión Europea. Espero e pídolle á dereita española reflexión, que non todo se pode facer por unha cadeira".

  • Influencia, nunha eleccións xerais, dos apoios cos que Sánchez accedeu á presidencia

"É indubidable que a aposta que fixo o Goberno de Españas era por superar unha situación de tensión que se alimentou e que foi crecendo durante o Goberno anterior. Non hai que esquecer que desde o ano 2011, os independentistas incrementaron a súa presenza en Cataluña, que houbo dous referendos ilegais e que houbo unha situación que desembocou nunha tensión que se tiña que evitar. En todo caso, hai que responder cando se vulneran as normas, hai que aplicar o Estado de dereito, e isto álgo que sempre tivo claro o Partido Socialista e eu estou seguro, porque así o din todos os estudos de opinión, que o Partido Socialista está en condicións de poder liderar o próximo Goberno de España cando se convoquen as eleccións e dar unha alternativa progresista que ten a maioría da cidadanía española".

  • Responsabilidades políticas do caso Angrois

"Creo que terei a oportunidade nos próximos días de comparecer ante a comisión que hai no Parlamento e de clarificar calquera circunstancia sobre a que exista aínda algún interrogante. É indubidable que do auto que coñecemos nos días pasados non se cuestiona ningunha decisión".

"Quero subliñar que as persoas que no seu día estivemos en contra da comisión de investigación, no memo que ocorre aquí no Parlamento Europeo, que no tratado explicita que non se poden facer comisións de investigación ata que non conclúa a investigación xudicial, e iso interpretouse como que había decisións que ocultar na miña época como ministro, como na época posterior cando era ministra Ana Pastor. Evidentemente, non obedecía a iso, senón a unha formulación de coherencia política, pero en todo caso eu estarei satisfeito de poder compartir coa comisión de investigación e de responder a todas as cuestións que teñan que ver coas decisións políticas que se adoptaron cando eu era ministro, que non foi outra máis que garantir os presupostos para que a alta velocidade sexa realidade en Galicia".

  • Volverá ao Parlamento Europeo se llo pide o partido

"Si. Eu sempre dixen que o Parlamento Europeo era o meu último estadio político e, polo tanto, o traballo que comecei nesta lexislatura podería continualo, pero en todo caso debe ser o partido o que tome esa decisión".






 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/12/2018