CRTVG

Buscar

Xirona e Elxe loitarán polo ascenso

Publicado o 17/08/2020 12:08

Os xogadores do Elxe festexaron a súa clasificación para a final do play off a primeira división. Un gol no minuto 82 dáballe o billete ante un Zaragoza que volveu ser mellor, como no empate sen goles da ida. Nino agrandou a súa lenda no cadro ilicitano como mellor artilleiro da súa historia, marcando o único tanto da eliminatoria.

O Zaragoza perdoou e pagou cara a súa falta de lucidez e acerto. Antes do gol do Elxe estrelou un remate no traveseiro e cando xa ía perdendo gozou dun penalti para empatar. Penalti de Óscar sobre Burgui que Javi Ros desaproveita nunha panenka que tardará en esquecer. Por terceira vez en seis anos, o Zaragoza erra nunha promoción de ascenso.

O Elxe medirase na final ao Xirona, que volveu derrotar ao Almería na súa eliminatoria. Xa deixara a clasificación ben encamiñada co 1-0 da ida e non a deixou escapar. Resolveu pola vía rápida, sen darlle opción ao seu rival. Samu Saiz marcou aos catro minutos.

Necesitaba entón tres goles o Almería. O ex-xogador do Lugo, Jose Carlos Lazo, empatou antes de cumprirse a media hora de xogo, pero foi insuficiente.

O único que volveu acertar cara á portería foi Stuani, a pase de Samu Sáiz, seis minutos antes do final. O Xirona volve estar na loita por regresar a primeira, un ano despois baixar.

Noticias web

17/08/2020