CRTVG

Buscar

Xa son 6 os xornaleiros que dan positivo na Terra Chá e hai 50 persoas illadas

Publicado o 11/08/2020 20:19

Os seis xornaleiros que deron positivo en coronavirus traballan nesta empresa con invernadoiros en Cospeito e Begonte. Os afectados hospédanse en Castro de Ribeiras de Lea e desprazábanse nun autobús contratado pola empresa. Todos os que viaxaban ou traballaban con eles están illados. Son, ata o momento, 50 persoas.

En Chantada notificáronse tres contaxios e hai unha vintena de persoas confinadas por precaución. En total, en toda a provincia de Lugo hai nestes momentos 80 casos activos.

Na área sanitaria de Vigo detectáronse tres novas repuntas, que suman 14 positivos. 7 contaxiáronse nunha xuntanza de amigos en Gondomar.

Obdulio Iglesias, xefe da Policía Local de Gondomar: "Unha reunión familiar. Parte dun punto que se sabe onde foi, que se ten controlada a parroquia, os domicilios, as persoas. Polo tanto, o gromo está controlado".

Esta situación obrigou a cancelar as visitas e saídas nunha residencia de maiores e outra de persoas con discapacidade. O segundo gromo da área de Vigo é importado; catro mozos que vixaron xuntos a outra comunidade autónoma. E o terceiro un matrimonio e o seu fillo en Salvaterra. En total, a área de Vigo ten 108 casos activos.

En Ourense hai 9 gromos cun total de 37 positivos. Están nas vilas de Beariz, Avión, O Carballiño, San Cibrao, Baños de Molgas, Vilar de Barrio e Chandrexa de Queixa. Sumando os casos illados, a área sanitaria de Ourense de 49 casos activos.

Na área sanitaria de Santiago hai 41 casos. E en Ferrol, 11. Aquí cinco policías locais están en corentena por estar en contacto cun positivo.

Noticias web

11/08/2020