Hospitalizados dous anciáns dos 46 contaxiados na residencia de Lobeira
Os únicos catro anciáns que deron negativo no primeiro cribado viven á parte do resto. E os 46 que están contaxiados teñen supervisión médica diaria. Din na residencia, propiedade da Fundación San Rosendo, que se actuou rápido e que a situación está baixo control. Katia Pérez, enfermeira do centro de saúde de Lobeira: "Foi rápido. Informáronnos dos síntomas dalgúns pacientes e pedimos as PCR enseguida".
Tal e como manda o protocolo, agora estanse rastrexando os contactos dos positivos, para evitar que o virus circule por Lobeira.
Antonio Iglesias, alcalde de Lobeira: "Están chamando a todos os familiares e a todos os veciños para facerlles tamén os tests, e de momento están dando negativo".
No resto de Galicia, aurmentaron os casos na residencia Las Salinas de Ourense, que ten 19 positivos, e na Ballesol de Oleiros, con 32. Agora mesmo hai casos de coronavirus en 31 residencias de maiores galegas e en seis centros de discapacidade.
Fabiola García, conselleira de Política Social, "O 99 por cento das residencias de Galicia están limpas de virus. Estamos revisando todos os protocolos e comprobando que están adaptados a todos os centros".
O centro con máis casos segue sendo o DomusVi de Outeiro de Rei, con 131 anciáns contaxiados. Nesta segunda vaga da pandemia faleceron 34 usuarios de residencias con coronavirus.