CRTVG

Buscar

Xa non quedan poldros na cabana ceiba de Poio, onde os lobos volveron atacar e mataron dúas eguas

Publicado o 30/08/2019 12:49

Moi preto da cima do monte Castrove, na ladeira do concello de Poio, permenecía este xoves a pegada dun novo ataque de lobos a cabalos que viven en liberdade. O dono das dúas eguas adultas mortas ten claro que foi obra de lobos, non sabe cantos, pero si varios.

Esteban Outeda Rey é gandeiro e dono das eguas atacadas: "Non pode ser outro que o lobo. Outro animal non mata un cabalo. Un día mata e logo volve para comelos. Estas, como son grandes, deixáronas así e volverán matar outros".

Un enxame de velutinas e compañía devoraban os restos das eguas, mentres o criador prexudicado se queixaba de que a acción dos lobos os deixou sen poldros, e isto xa se sentiu na Rapa das Bestas da Escusa. No alto do monte, Esteban recoñece que a solución non é doada. Alerta de que esa especie protexida os está a deixar tamén sen cabalos adultos, con consecuencias negativas para o monte e aldeas próximas.

Outeda di: "Os animais no monte van desaparecer e o lobo ten que seguir comendo. Baixará ás casas, porque o lobo seguirá comendo e se aquí non ten irá para outro lado. A Administración tiña que mirar por solucionar e darlles aos gandeiros moitas facilidades, porque non che axudan para ter uns animais, para facer uns valados...".

Volvendo da cima do Castrove, o gandeiro lembra que os cabalos no monte contribúen á prevención de incendios, pois sen eles aumentará a masa de bosque.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

30/08/2019