CRTVG

Buscar

Xa hai máis mascotas ca nenos e cada vez están máis consentidas

Publicado o 18/02/2020 20:52

"Que che parece en tons rosas? Con isto vai parecer unha princesa, e abriga bastante. E se prefires algo máis discreto de inverno tes tons beixe ou verde".

Parece roupa de bebé. Pero é en realidade o último en moda canina. Chuvasqueiros, vestidiños e ata gravatas de lazo.

"Incluso traxes de Papá Noel. A lista de espera que había no salón de peiteado para poñerse bonitos para fin de ano e Noiteboa...".

Si. Non oen mal. Os salóns de peiteado canino tamén están ateigados nos días de festa. Aquí cortan, peitean e perfuman.

"E perfumes que dan brillo e son bos para a pel e o pelo. O que máis ole é o de amorodo, pero temos un musk branco que me encanta".

Ósos naturais de cervo para roer, colchóns de luxo, lambetadas delicatessen. Os animais de compañía son hoxe os novos reis da casa. Gloria mesmo ten unha aplicación no móbil para controlar o seu can en todo momento.

"Tivo unha torsión de estómago, así que decidimos poñerlle unha cámara para controlalo cando non estamos na casa. Cóidano moito meus pais, así que é coma se fose o neto. Ten unha cama para el, unha manta, os seus xoguetes. Ten todo especial para el".

Cans e gatos son cada vez máis un membro máis da familia. Ás veces son incluso a nosa única compaña. Por iso os coidamos tanto.

"Meréceno porque fan moita compañía. Agora se non tivese o can non ia dar o paseo, e así, vou". "Levántome ás seis da mañá para que saia a dar o paseo dunha hora antes de eu ir traballar, e logo pola tarde entre dúas e tres horas".

E outro dato. Se tiñan pensado tatuar o nome do namorado, esquézano. Agora a última moda é tatuar o nome da nosa mascota.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/02/2020