CRTVG

Buscar

Vox advirte o PP en Madrid, Andalucía e Murcia tras o non á moción

Publicado o 22/10/2020 20:55

A ruptura entre o PP e Vox deixa unha primeira secuela. Os deputados da formación de Santiago Abascal en Andalucía suspenderon a xuntanza prevista para este xoves á tarde co conselleiro de Facenda da Junta para pactar os presupostos da comunidade.

Vox apoia desde o Parlamento os gobernos de PP e Ciudadanos na Junta de Andalucía. Din que os ataques de Pablo Casado abren un novo tempo na súa relación, aínda que non dan por roto o pacto.

Alejandro Hernández, voceiro de Vox no parlamento de Andalucía, dixo que "estamos nun novo escenario no que se quebrou a confianza mutua e a cordialidade que viña rexendo as nosas relacións e, desde logo, isto lévanos a un novo tempo nas nosas relacións co Partido Popular".

Sen baixar o ton, os seus colegas en Murcia seguiron o mesmo camiño. O presidente provincial de  Vox, José Ángel Antelo, "perplexo" pola intervención de Casado no Congreso dos Deputados, anunciou que o seu partido estudará "con lupa" os futuros acordos co PP na Rexión de Murcia.

Precisamente, Antelo, como portavoz municipal desta formación no Concello de Murcia, rexistrou unha emenda á totalidade aos orzamentos locais de 2020, acordados por PP e Cs, que conforman o Goberno local e que contan con maioría absoluta.

Tampouco o Executivo de Madrid esquivou as advertencias de Vox, que este xoves foi moi gráfico coa presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, ao pedirlle que "non morda a man do grupo político" que permitiu a súa investidura, segundo dixo o deputado de Vox na Asemblea rexional Íñigo  Henríquez de Luna.

E lembroulle que aínda que non son socios de Goberno, se o son de investidura, polo que lle pediron "lealdade", tras lamentar que o PP se haxa "aliñado co consenso progre" no Congreso.

Noticias web

22/10/2020