CRTVG

Buscar

Vox acusa o Goberno das mortes pola pandemia no debate da moción de censura

Publicado o 21/10/2020 20:44

Un por un, Santiago Abascal lía os nomes das 857 vítimas da ETA. Foi na súa réplica a EH Bildu e o momento máis insólito da quinta moción de censura da democracia. Se prospera, o líder da ultradereita ofreceuse a convocar eleccións antes de que remate o ano. Cre urxente substituír un executivo ao que volveu definir como "o peor en 80 anos" e ao que responsabilizou de milleiros de mortes, de atacar ao rei e ao Poder Xudicial e de buscar a ruína de España.

Santiago Abascal, presidente de Vox, tachou ao executivo de "fronte popular socialcomunista en alianza con separatistas e con terroristas. Unha mafia".

Furia, odio e intolerancia. Así resumía o presidente do Goberno o discuso do líder de Vox. Acusouno de querer torpedear a unidade que o país necesita en plena pandemia.

Para Pedro Sánchez, a iniciativa de Abascal foi "un despregamento de propaganda dirixido a sementar a discordia, o odio entre españois, orientada á confrontación entre os representantes públicos e enfocada a distraer as enerxías que todos debéramos estar centrando unidos nos desafíos do noso país".

Abascal e Sánchez dedicaron parte do seu discurso ao Partido Popular. Pedro Sánchez pediulle que "non se deixe arrastrar pola tentación totalitaria, que non regale un éxito á ultradereita que se volverá contra todos e antes e con máis forza contra vostede e o partido que lidera". Santiago Abascal, díxolle a Pablo Casado que "nas súas mans está demostrar que entre todos, pese ás enormes diferenzas que temos, se debe construír unha alternatia a este desastre que temos en fronte".

Pero o PP rexeita apoiar unha moción que, na súa opinión, só fortalece a Sánchez e para a que non dan os números. Teodoro García Egea, secretario xeral do PP, díxo que "está ben querer facer unha moción, pero o máis importante, ademais de ser patriota, é saber sumar".

O Partido Popular non desvelará ata este xoves se finalmente vota en contra da moción ou se abstén.

 

Noticias web

21/10/2020