CRTVG

Buscar

Votan os principais candidatos á alcadía de Vigo

Publicado o 26/05/2019 15:09

O candidato máis madrugador en Vigo foi o cabeza de lista polo PSdeG-PSOE. Abel Caballero votou ás 9 e media e chegou arroupado por membros da súa candidatura. Insistiu en que é fundamental votar para decidir o futuro da cidade.

"Hoxe decidimos o noso futuro, e eu quero dicirlle a toda a cidade que usen o dereito democrático, a democracia é tan importante, é a nosa capacidade de decidir as cidades e de decidir a cidade de Vigo".

Mentres, a candidata do PPdeG, Elena Muñoz, foi votar acompañada polos seus pais no IES do Castro, onde a agardaban outros candidatos da lista. Dixo que espera que sexa unha xornada tranquila e fixo un chamamento á participación.

"Pedir que o maior número de vigueses posibles vaian votar, animar á participación máxima para que a corporación municipal que saia sexa representativa do maior número de vigueses posibles".

E Rubén Pérez, cabeza de lista de Marea de Vigo, votaba ás 10 da mañá en Beade. O candidato amosou a súa confianza en que os vigueses acudan votar de forma masiva.

"Esperemos que bo bo día a xente se anime a votar, a votar dunha maneira libre, a votar dunha maneira ademais sen medo, que é unha das cuestións que para nós é importante, e Vigo a verdade que sempre foi un exemplo de mobilización electoral e esperemos que o día de hoxe tamén o siga sendo".

Os candidatos á alcaldía de Vigo teñen previsto visitar ao longo da tarde os colexios electorais para amosar o seu apoio aos membros das mesas e aos interventores.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/05/2019