CRTVG

Buscar

Volve a actividade parcialmente á factoría de PSA Peugeot Citroën

Publicado o 11/05/2020 07:38

Mañá volve a actividade parcialmente á factoría de PSA Peugeot Citroën, aínda que ata o mércores non comezará a producir. Para este luns están convocados 400 operarios e o mércores traballará unha quenda enteira de 1.600. A factoría conta con cámaras termográficas, houbo cambios nos horarios de acceso e haberá patrullas sanitarias para controlar que se cumpran as normas de saúde.

Os preto de 400 traballadores que acudan mañá a PSA Peugeot Citröen pasarán polas cámaras termográficas para que se controle a súa temperatura corporal e empregarán circuítos marcados para coincidir o mínimo e gardar o distanciamento físico.

Prepararansde as dúas liñas de produción que comezarán xa a fabricar o mércores, cando xa serán preto de 1.600 os operarios que se incorporen á planta con dous horarios, uns ás seis e outros ás sete.

A volta ao traballo era algo que xa desexaban moitos dos operarios. A empresa tamén anima a que os empregados veñan xa coa roupa de traballo e en vehículo individual e fornecerá de máscaras, xel e outros materiais de proteción aos traballadores. O plan de seguridade foi presentado polo responsable de Seguridade Laboral de PSA Peugeot Citröen hai case un mes. O plan ten tamén o visto e prace do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

PSA deixou de traballar o pasado 18 de marzo. A partir do mércores traballará unha soa quenda de mañá con 1.600 operarios, que descansarán a semana seguinte para que se incorporen outros 1.600 na segunda semana. Se a resposta do mercado e dos concesionarios fose boa, a terceira semana poderíase incorporar a quenda de noite.

Noticias web

11/05/2020